
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN), que aglutina ás principais plantas galegas, celebrou esta mañá unha xornada centrada na protección dos mananciais. O acto, que conta co apoio da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, desenvolveuse na Casa da Cultura do Concello de Verín.
Na inauguración do encontro participaron o presidente de AGAMIN, Álvaro García de Quevedo; a directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Arantxa Prado Santiago; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo; e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila. Contouse tamén coa asistencia do presidente da Asociación de Aguas Minerales de España -ANEABE-, José Manuel García Pérez; e do xerente de AGAMIN, Benigno Amor.
A auga mineral natural como xeradora de actividade económica, emprego e desenvolvemento no rural
O presidente de AGAMIN, Álvaro García de Quevedo, puxo de relevo que as aguas minerais naturais constitúen un recurso singular de Galicia, estreitamente vencellado ás características xeolóxicas do noso territorio. “O seu valor reside na súa orixe subterránea, a súa pureza orixinal e a estabilidade da súa composición, características que fan especialmente importante garantir a súa protección a longo prazo” -explicou-. Nesta liña, salientou que “os perímetros de protección son unha ferramenta fundamental para preservar este patrimonio natural. A súa finalidade é protexer os acuíferos e as zonas de captación fronte a posibles riscos de contaminación ou alteracións que poidan comprometer a calidade, cantidade e características naturais da auga mineral”.
O presidente indicou que, a diferenza doutros recursos, as augas minerais naturais dependen de procesos hidroxeolóxicos que se desenvolven durante longos períodos de tempo. “Por iso, a súa protección non pode limitarse exclusivamente ao momento de captación, senón que debe estenderse ás áreas do territorio que inflúen na recarga e circulación subterránea da auga” -manifestou-.
“A adecuada definición e xestión destes perímetros permite anticiparse a posibles riscos, garantir a conservación do recurso para as xeracións futuras e favorecer unha convivencia equilibrada entre os distintos usos e actividades do territorio. Desde AGAMIN consideramos que protexer as augas minerais naturais significa tamén protexer un recurso estratéxico para Galicia, xerador de actividade económica, emprego e desenvolvemento na contorna rural, e que forma parte do noso patrimonio natural” -subliñou García de Quevedo-. “Protexer os acuíferos é garantir a calidade, a sustentabilidade e o futuro das augas minerais naturais de Galicia, onde se producen cada ano 486 millóns de litros, o que representa o 5,4% da produción nacional” -concluíu-.

A protección dun acuífero compartido
O subdirector xeral de Recursos Minerais, Diego Casal Ramos, enxeñeiro de Minas, referiuse á protección dun acuífero compartido como solución para a compatibilidade de distintos aproveitamentos. Explicou que cando nunha mesma zona coindiciden varios titulares con dereito de explotación dun mesmo acuífero, esta situación representa unha dificultade porque conflúen os intereses de distintas plantas de envasado. “Para dar resposta a esta situación, estamos a avanzar, en sintonía co IGME, na implantación dunha solución novidosa, centrada no desenvolvemento de perímetros de protección contiguos pero que protexan o acuífero. Son perímetros diferentes para cada titular, pero en conxunto preservan o recurso, que é común. Deste xeito, aténdese ao criterio técnico dos perímetros de protección, ao tempo que se evitan os solapamentos entre as envasadoras, asegurando unha explotación e conservación axeitada do recurso” -sinalou-.
A auga, un recurso renovable pero non ilimitado
María del Mar Corral Lledó é a coordinadora do Grupo de Investigación de Aguas Minerales y Termales do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España, pertencente ao CSIC. En relación á sustentabilidade e protección dos recursos hidrominerais, salientou que “a auga mineral e termal é un recurso mineiro renovable pero non ilimitado, xa que está asociado ao ciclo hidrolóxico. Correspóndese con descargas naturais ou sistemas de circulación de augas subterráneas, cuxo equilibrio hidrodinámico e hidroquímico é moi fráxil e, por tanto, moi vulnerable a accións externas a el”. Nesta liña, destacou que calquera acción que se realice preto da captación pode provocar que entren contaminantes na auga, de aí que a superficie de protección limite as actividades que se desenvolven na súa contorna.
A experta sinalou que tanto a lexislación estatal como a galega son a ferramenta fundamental para protexer os acuíferos e as captacións de auga. Explicou que garanten a protección das augas mediante o establecemento do perímetro de protección, destinado a salvagardar tanto a calidade como a cantidade dos recursos hidrominerais. Respecto aos perímetros de protección, a enxeñeira remarcou que a estratexia de protección debe adaptarse á natureza física do terreo. “No subsolo granítico de Galicia, o transporte de contaminantes pode ser extremadamente rápido, polo que os criterios de distancia fixa non son suficientes e requírense criterios hidroxeolóxicos estruturais complexos para a protección dos acuíferos”, apuntou.

As particularidades da conca de Verín
No evento participou tamén Luis de Ramón Sánchez, xefe do departamento de Hidroxeoloxía e Xeología Aplicada da empresa Drace Geocisa, que explicou como as características hidroxeolóxicas particulares da conca de Verín influíron no deseño dos perímetros de protección das captacións de auga neste territorio. Nesta liña, sinalou que “Verín localízase no centro dunha fosa tectónica, limitada por fallas que poñen en contacto sedimentos granulares do recheo da conca con granitos e rocas metamórficas de bordo, un zócalo que na zona central da fosa presenta máis de 400 ou 500 metros de espesor de sedimentos. Estas características xeolóxicas e a resposta hidroxeolóxica que se deriva son os condicionantes da presenza, tipoloxía e distribución das distintas augas minerais aproveitadas na zona. Partindo deste marco natural, definíronse e autorizado diversos perímetros de protección para regular, racionalizar e preservar a calidade orixinal e a pureza dos acuíferos. Estes perímetros adaptáronse aos caudais de explotación autorizados, ao uso do territorio e ás condicións e riscos ambientais da zona”.
A xornada finalizou cunha visita á planta envasadora de auga mineral de Sousas.
Sete plantas envasadoras de auga mineral natural
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural -AGAMIN-creouse en 2011 para defender os intereses sectoriais, mellorar as empresas e a capacitación dos seus traballadores, ademais da promoción de iniciativas de mellora ambiental. Xunto á Asociación de Balnearios de Galicia constitúen o Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia.
AGAMIN representa preto do 80% das empresas do sector, que facturan máis do 85% da facturación total na comunidade. Está integrada por un total de sete empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Aguas de Cabreiroá e Aguas de Sousas, as dúas en Verín; e Aguas do Paraño, en Boborás. E, na provincia de Pontevedra, Agua Sana en Baiona e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.
Fotos cedidas.
