
A Consellería do Medio Rural continúa impulsando a formación práctica do alumnado dos seus centros de formación e experimentación agraria (CFEA), promovendo actividades que permiten trasladar os coñecementos adquiridos nas aulas ao propio territorio.
Neste marco, un grupo de estudantes do CFEA de Becerreá participou esta semana nunha actividade formativa nas montañas do Courel, que incluíu un percorrido pola Devesa da Rogueira e unha visita á Aula da Natureza de Moreda, no concello de Folgoso do Courel.
O alumnado dos ciclos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Xestión Forestal e do Medio Natural tivo a oportunidade de identificar as principais especies vexetais da zona, coñecer a riqueza e singularidade dos seus ecosistemas e afondar na importancia da conservación e xestión sostible dos espazos naturais.

Así mesmo, a visita permitiu coñecer diferentes recursos e ferramentas de educación e interpretación ambiental, así como fomentar actitudes responsables e respectuosas co medio natural.
Con este tipo de iniciativas, refórzase o papel dos CFEA como centros de formación vinculados á realidade do territorio e ás necesidades profesionais do sector agrario e forestal, combinando a aprendizaxe teórica coa experiencia directa sobre o terreo.