OurenseÚltima hora

A rápida intervención da Policía Local de Ourense salva a vida dunha muller nunha situación de extremo perigo

 

A Policía Local de Ourense realizaba, durante a madrugada do pasado sábado, 31 de outubro, unha intervención de especial dificultade e risco que permitiu salvar a vida dunha muller que se atopaba nunha situación de grave perigo nun edificio da cidade.

Os feitos producíronse arredor das 03.23 horas, cando unha patrulla da Policía Local foi mobilizada pola sala operativa do 092 tras recibirse un aviso que alertaba dunha forte discusión e gritos procedentes dun inmoble, segundo se informa dende o Concello de Ourense. “Á súa chegada, os axentes comprobaron que unha muller se atopaba no exterior dun balcón, nunha posición extremadamente perigosa e con risco inminente de precipitarse ao baleiro. Ante a gravidade da situación, un dos policías permaneceu na vía pública intentando tranquilizar a muller e evitar que realizase calquera movemento que puxese en perigo a súa vida. Simultaneamente, os outros axentes accederon con urxencia ao edificio”.

A intervención esixiu unha actuación inmediata, coordinada e de gran esixencia física, resaltan dende o Concello de Ourense. Ante a imposibilidade de acceder á vivenda polos medios habituais e a existencia dun perigo inmediato para a vida da muller, os policías procederon a abrir a porta de emerxencia e alcanzar o balcón.

Un dos axentes conseguiu suxetar firmemente a muller, mentres outros dous compañeiros colaboraron para introducila no interior do inmoble e poñela a salvo. A operación resultou especialmente complexa debido á posición na que se atopaba e ás dificultades que presentaba o rescate.

“Finalmente, grazas á rápida reacción, a coordinación e o esforzo conxunto dos efectivos da Policía Local, a intervención concluíu con éxito, evitando un desenlace que podería resultar tráxico. Posteriormente, axentes da Policía Nacional incorporáronse ao dispositivo, colaborando nas actuacións necesarias para garantir a seguridade da muller ata a chegada dos servizos sanitarios, que procederon ao seu traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para a súa valoración e atención médica”, tal e como informa o Concello de Ourense.

 

Back to top button