Situados a uns 1.222 metros de altitude, os pozos de Cabeza de Meda (Parada de Sil) constitúen o legado dunha actividade económica xa desaparecida e centrada no comercio do frío. Creáronse na cabeceira dunha vagoada alta e fría, unhas condicións que favorecían a conservación de neve e a súa conservación. Orixinalmente, estas dúas neveiras, escavadas no terreo e revestidas con muros de bloques de granito, tiñan planta circular (de entre 5 e 6 m de diámetro) e unha profundidade de 3 a 4 metros.
A memoria destas antigas construcións vén de recuperarse e poñerse en valor á iniciativa do Concello de Parada de Sil, que promovía no pasado mes de outubro unha intervención arqueolóxica para a documentación, estudo e posta e valor do conxunto das neveiras de Cabeza de Meda, intervención arqueolóxica que se fixo baixo a dirección de Educaron Nieto Muñiz. A actuación contaba cunha subvención de Turismo de Galicia por importe de 30.000 euros.
“Dende o ano 2007 a posta en valor do patrimonio natural e arqueolóxico é unha prioridade para o Concello de Parada de Sil”, sinala o seu alcalde, Aquilino Domínguez, quen resalta que “este feito ten un importante retorno.
O conxunto de neveiras está formado por dous pozos, atoados case por completo polos seus propios derrube de gran cachotería irregular, centrándose os traballos na neveira occidental. “Consistiron estes no baleirado completo do pozo, ademais da limpeza do perímetro e a escavación de dúas sondaxes avaliativas para complementar a súa documentación e documentar o seu sistema construtivo, e descubriuse outra que ocultaba unha estrutura anexa ao propio pozo, logo ampliada para o deixar toda esta estrutura visible”, tal e como se informa dende o Concello de Parada de Sil.
Con esta actuación, quedaba ao descuberto un pozo 4m de fondura, no que se conservan as canles de desaugue na propia rocha natural que derivaban a auga da neve que se derretía cara un desaugue, tamén visible. A planta do pozo é irregular debido a unha reforma da propia estrutura, posiblemente debida a un derrube antigo, reducindo a súa capacidade e dimensións dos 8 aos 5m de diámetro. Esta reforma deixou tamén a súa pegada nos diferentes niveis de ocupación documentados na estrutura anexa, desde cuxo interior se accedía ao pozo, sendo sen dúbida unha construción auxiliar ou de servizo deste, segundo os datos dos investigadores.

Datar as construcións
Durante os traballos de escavación documentouse un bo volume de tella, o que da unha pista sobre o sistema de cuberta, así coma restos das vigas portantes desta. Estes restos de madeira, xunto cos restos de carbón recollidos na estrutura auxiliar, serán sometidos a analíticas radiocarbónicas para tentar afinar na cronoloxía da construción e reforma do pozo.
Completouse a actuación coa instalación dunha sinalización direccional nas estradas e sendeiros de acceso, así como dun atril interpretativo que recolle toda a información acadada e que leva un código QR para información en galego, castelán e inglés A hipótese sobre as orixes destas estruturas levan a un amplo complexo de pozos situados no Monte da Meda no século XVIII, algúns propiedade dos mosteiros próximos e outros particulares ou de comunidades locais alugados ao Cabido e ao Concello de Ourense, como parece selo caso destas de Parada de Sil.
Fotos: Breogán Arqueoloxía.