OurenseÚltima hora

Eladio Santos supervisa os traballos preparatorios para que 356.326 electores da provincia de Ourense poidan votar nas eleccións xerais do 29-N

Entre os traballos xa realizados polo INE está a revisión e delimitación das 523 mesas electorais repartidas en 391 locais

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, supervisaba esta mañá os traballos preparatorios para as eleccións xerais do 29-N, nas que están chamados ás urnas 356.326 electores e electoras da provincia de Ourense. Eladio Santos visitou a delegación provincial do Instituto Nacional de Estatística (INE) en Ourense, acompañado do seu director, Juan Carlos Fernández.

Durante a visita, o subdelegado trasladou unha mensaxe de agradecemento a todo o persoal da Administración que participa no dispositivo electoral, polo seu esforzo e compromiso. “Detrás dunha xornada electoral hai moitas semanas de preparación, un traballo rigoroso e unha importante coordinación entre departamentos e Administracións, fundamental para garantir que a cidadanía poida exercer o seu dereito ao voto con todas as garantías”, sinalou.

Dos 356.326 electores e electoras da provincia de Ourense, 249.092 corresponden ao censo de electores residentes (CER), mentres 107.234 son persoas do censo electoral de españois residentes no estranxeiro (CERA).

Labores do INE

Eladio Santos comprobou que a delegación provincial do INE xa completou a revisión e delimitación das 523 mesas electorais repartidas en 391 locais nos 92 concellos, un traballo que requiriu modificacións na súa distribución, incluídas fusións de mesas, debido aos cambios demográficos e a peticións municipais. Ata o 19 de novembro permanece aberto o prazo de reclamacións dos electores, un proceso no que se está a rexistrar un volume moi elevado de solicitudes, principalmente relacionadas con cambios de domicilio, que son analizadas INE.

Outro dos principais labores é a tramitación das solicitudes de voto por correo dos residentes ausentes ou temporalmente ausentes no estranxeiro. Neste último caso, xa se recibiron máis de 3.000 solicitudes. O INE tamén comproba os avais das formacións políticas remitidos pola Xunta Electoral, verificando a autenticidade das sinaturas, a documentación e a ausencia de duplicidades, así como o cumprimento dos requisitos legais.

O dispositivo inclúe igualmente os envíos de documentación electoral aos votantes residentes no estranxeiro. A estes traballos súmanse o envío de tarxetas censuais, a preparación das listas de votación con indicación dos electores que votan por correo, a remisión aos concellos de documentación para identificar as mesas, a tramitación de certificados censuais e a atención telefónica das consultas da cidadanía.

Back to top button