
O Concello do Bolo continúa avanzando no coñecemento das súas orixes históricas grazas aos resultados das últimas intervencións arqueolóxicas desenvolvidas no Castro de Rañalobos, na parroquia de Buxán, e na necrópole megalítica de Tuxe. Os traballos, promovidos pola administración municipal e executados pola empresa especializada Solventa Arqueoloxía, permitiron identificar novos vestixios que evidencian a importancia da ocupación humana deste territorio desde a Prehistoria.
Os resultados máis destacados proceden do Castro de Rañalobos, onde as escavacións puxeron ao descuberto unha muralla de case tres metros de anchura, así como diferentes construcións no interior do recinto fortificado. Entre elas destacan varias estruturas de planta ovalada e esquinas curvas, ademais dunha edificación de maiores dimensións que, de acordo coas primeiras interpretacións arqueolóxicas, podería estar relacionada co almacenamento de produtos alimentarios.

A intervención permitiu recuperar tamén un importante conxunto de materiais cerámicos, tanto recipientes destinados ao almacenamento como pezas de uso doméstico. Algúns destes fragmentos presentan unha notable riqueza ornamental, con decoracións estampilladas, motivos en forma de ese e círculos concéntricos, características que contribúen a situar a ocupación do asentamento nun momento avanzado da coñecida como cultura castrexa.

O bo estado de conservación dalgúns destes materiais abre, ademais, a posibilidade de reconstruír parcialmente varios recipientes, o que permitirá avanzar no coñecemento das actividades cotiás e das prácticas de consumo e almacenamento das comunidades que habitaron este espazo hai máis de dous milenios.

Un dos primeiros núcleos de poboamento do municipio
A monumentalidade das estruturas defensivas e a diversidade dos materiais recuperados permiten considerar Rañalobos como un asentamento de especial interese para comprender a organización do territorio durante a Idade do Ferro.
Neste sentido, o arqueólogo director dos traballos Martiño Xosé Vázquez destaca que o xacemento representa unha oportunidade excepcional para afondar nas orixes do poboamento do municipio, moito antes da configuración da vila medieval e da construción do seu coñecido castelo.
O estudo dos materiais arqueolóxicos recuperados permitirá precisar a cronoloxía das distintas fases de ocupación e reconstruír a evolución histórica do asentamento.

Novas investigacións sobre a minería antiga
Outro dos aspectos de maior interese científico é a existencia de diferentes galerías mineiras que atravesan o ámbito do xacemento arqueolóxico. O equipo investigador, coa participación de especialistas como o xeólogo Eduardo Clavijo, iniciou o recoñecemento destas estruturas subterráneas co obxectivo de determinar as súas características, identificar os recursos minerais explotados e estudar a súa posible relación coa actividade mineira desenvolvida no territorio durante a época romana.
Aínda que polo momento non foi posible establecer unha vinculación cronolóxica ou funcional directa entre o asentamento castrexo e estas explotacións, a investigación abre novas perspectivas para comprender os procesos históricos de ocupación e aproveitamento dos recursos naturais nas terras do Bolo.

A necrópole de Tuxe permite recuperar a memoria da paisaxe prehistórica
Paralelamente, os traballos desenvolvidos na necrópole megalítica de Tuxe permitiron avanzar na dentificación e caracterización de diferentes monumentos funerarios prehistóricos. Mediante a aplicación de tecnoloxías de prospección non invasiva, como o levantamento LiDAR mediante drons e o emprego de xeorradar, foi posible recoñecer vestixios de estruturas funerarias que se atopaban moi alteradas pola actividade agrícola e gandeira.
Estas investigacións permitiron mellorar o coñecemento das tres mámoas documentadas neste ámbito, dúas delas especialmente deterioradas, e comprobar que as súas dimensións orixinais eran superiores ás estimadas inicialmente.
Os resultados constitúen un avance significativo na caracterización da paisaxe funeraria prehistórica do municipio e proporcionan unha base científica para futuras actuacións de investigación, protección e conservación.

O patrimonio arqueolóxico como oportunidade de desenvolvemento territorial
Estas actuacións forman parte dunha estratexia municipal de investigación e recuperación do patrimonio arqueolóxico que o Concello do Bolo vén desenvolvendo nos últimos anos, con intervencións en diferentes enclaves do seu territorio, entre eles Alto dos Bois, Rañalobos e Tuxe.
Máis alá dos resultados científicos, o obxectivo municipal é consolidar unha liña de traballo continuada que permita coñecer, protexer e divulgar este legado histórico, explorando progresivamente as posibilidades de acondicionamento e apertura ao público dos xacementos que reúnan as condicións adecuadas.

A recuperación destes espazos constitúe tamén unha oportunidade para diversificar a oferta cultural e turística do municipio, incorporando novos recursos vinculados á arqueoloxía, á paisaxe e á interpretación histórica do territorio.
Deste xeito, o Concello do Bolo reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio cultural como elemento fundamental da identidade colectiva e como recurso estratéxico para promover novas oportunidades de desenvolvemento sostible no medio rural.
As investigacións desenvolvidas en Rañalobos e Tuxe demostran que a historia do Bolo se estende moito máis alá do seu emblemático castelo medieval, cun legado arqueolóxico que permite reconstruír a presenza e actividade das comunidades humanas neste territorio ao longo de varios milenios.
Fotos: Solventa Arqueoloxía.
