
Neste 4 de novembro tiña lugar en Ourense a presentación das candidaturas socialistas ao Congreso e ao Senado pola provincia, encabezadas respectivamente por Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea. Neste acto participaba o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, que sinalaba que a provincia ten moito en xogo nestas eleccións e reivindicaba a candidatura socialista como “a única alternativa capaz de frear á dereita e á extrema dereita”. Besteiro situou a defensa das pensións públicas no centro do debate electoral en Ourense, “onde preto de 100.000 persoas perciben unha pensión e estas prestacións representan arredor dun terzo da economía que entra nos fogares”.
O líder socialista advertiu de que o 29N a cidadanía terá que elixir entre dúas opcións claramente diferenciadas. Por unha banda, “un Partido Socialista que traballa para ampliar dereitos, impulsar o crecemento económico e repartir a prosperidade. Pola outra, un bloque formado por PP e Vox que ameaza con facer retroceder os avances acadados nos últimos anos”.
Besteiro lembrou que nas últimas eleccións xerais os socialistas quedaron a apenas 3.000 votos de conseguir un segundo deputado pola provincia, un escano que considera “fundamental para reforzar a maioría progresista no Congreso”. Fronte a esa posibilidade real, sinalou que outras formacións, como o BNG, obtiveron catro veces menos votos que o PSdeG e están lonxe de poder disputar ese deputado.
“O 29 de novembro hai que concentrar o voto en quen pode parar a dereita e a outra dereita”, insistiu, advertindo de que calquera outra opción desde as posicións progresistas suporía “un agasallo a Feijóo e Abascal”.
Besteiro destacou tamén a importancia de contar con dúas mulleres á fronte das candidaturas de Ourense, das que salientou o seu “compromiso coa provincia e a súa capacidade para defender os intereses da veciñanza” nas Cortes Xerais. Puxo especialmente en valor a experiencia, o coñecemento da realidade provincial e o traballo desenvolvido por Carmen Rodríguez Dacosta no Parlamento de Galicia, así como o compromiso de María Fernández Ojea coa defensa das necesidades da cidadanía desde o Senado.
Entre as prioridades da próxima lexislatura situou a sanidade e a educación públicas, as pensións, a dependencia e o acceso á vivenda, que reivindicou como o novo piar do Estado do benestar que os socialistas queren construír.
Pola súa banda, a cabeza de lista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, asumiu a candidatura como “un reto ilusionante, pero tamén cunha enorme responsabilidade” e comprometeuse a levar ás Cortes Xerais as preocupacións, necesidades e reivindicacións dos veciños e veciñas da provincia. Dacosta reivindicou os avances sociais impulsados durante os gobernos de Pedro Sánchez e a súa repercusión directa na vida dos ourensáns, especialmente a revalorización das pensións, o incremento do salario mínimo interprofesional e a ampliación da protección social.
A candidata destacou que estas medidas contribuíron a mellorar a dignidade e as condicións de vida de miles de persoas, pero advertiu de que aínda queda moito por facer e de que é necesario continuar ampliando dereitos. Con ese obxectivo, anunciou que a candidatura socialista percorrerá a provincia para escoitar directamente a cidadanía, coñecer as súas demandas e trasladar propostas que dean resposta aos problemas reais de Ourense.
Reivindicou tamén o coñecemento da realidade provincial adquirido durante o seu traballo no Parlamento de Galicia e asegurou que afronta esta nova etapa coa experiencia, a ilusión e a forza dun equipo comprometido coa defensa de Ourense.
A cabeza de lista ao Senado, María Fernández Ojea, puxo en valor a aposta do Partido Socialista por incorporar mulleres e perfís diferentes aos postos de responsabilidade política e agradeceu a confianza depositada nas persoas que integran as candidaturas de Ourense. A candidata agradeceu o apoio das agrupacións local e provincial e da dirección galega do partido, en nome do conxunto das persoas que integran as listas, e comprometeuse a traballar para estar á altura da confianza recibida.