
A Deputación de Ourense dedica a entrega de novembro do programa “8M, mes a mes” a Carmen Eiró Bouza, fiscala superior de Galicia, en recoñecemento á súa traxectoria profesional, á súa vinculación coa provincia e á súa contribución ao servizo público desde a Administración de Xustiza.
Con esta iniciativa da área de Igualdade que dirixe a deputada provincial Teresa Barge, que visibiliza o talento e a contribución das mulleres á sociedade, a institución provincial pon en valor o percorrido da primeira muller en asumir a máxima responsabilidade da Fiscalía galega. Unha carreira estreitamente ligada a Ourense, onde iniciou o seu exercicio profesional, con primeiros destinos no Barco de Valdeorras e no Carballiño.
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Eiró desenvolveu unha ampla actividade en ámbitos como a protección do medio ambiente, o urbanismo e a atención aos menores. En 2005 asumiu a delegación provincial de Medio Ambiente, Urbanismo, Patrimonio Histórico, Incendios Forestais, Fauna e Flora, responsabilidades ás que sumou en 2009 as funcións de fiscala de Menores.
En outubro de 2020 foi nomeada fiscala delegada autonómica de Medio Ambiente e Urbanismo de Galicia e, desde novembro de 2025, ocupa o cargo de fiscala superior da comunidade autónoma. A súa traxectoria abrangue tamén a formación de profesionais, a divulgación xurídica e o compromiso co uso da lingua galega na Administración de Xustiza.
Recoñecemento á protección das vítimas
A través desta homenaxe, a Deputación expresa tamén o seu recoñecemento ao traballo da Fiscalía e, de maneira especial, dos profesionais que actúan contra a violencia de xénero. A institución provincial destaca a importancia do seu labor na persecución dos delitos, na defensa dos dereitos das vítimas e na súa protección.
Neste sentido, subliña o papel da Xustiza tanto na resposta ás agresións como na prevención de novas condutas violentas e da reincidencia, un labor esencial para avanzar cara a unha sociedade máis segura e igualitaria.
O recoñecemento a Carmen Eiró Bouza enmárcase no compromiso do programa «8M, mes a mes» de dar visibilidade, ao longo de todo o ano, a mulleres referentes e ás súas achegas nos distintos ámbitos da sociedade.