EconomíaEconomíaÚltima hora

Azka Sakra, Adega Connect e Uva Enteira ganan o XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

 

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou o sábado 7 de novembro a súa xornada grande. Pola mañá desenvolveuse a presentación dos proxectos ante o xurado e pola noite celebrouse a cea e gala de entrega de premios contando coa participación dos proxectos finalistas desta XII edición e representantes de empresas e institucións que patrocinan e colaboran con este certame que leva entregados 35 premios e un total de 225.000€, ademais dos cursos de formación empresarial que comezou a ofrecer na pasada edición grazas á colaboración da Agader.

Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta XII edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan ós proxectos gañadores, e a todas as iniciativas participantes pola altísima calidade das propostas e o talento e a ilusión como emprendedores.
Nesta edición, despois da experiencia do pasado ano, os 10 proxectos finalistas poden acceder a un plan de asesoramento técnico que se desenvolverá no primeiro semestre do vindeiro ano e que conta coa financiación do AGADER. O Concurso ofrece así unha formación empresarial que se suma aos premios económicos para os tres proxectos mellor valorados.

Este ano amplíase a recompensa formativa co Executive MBA de Ef Business School na Coruña (Fundación Venancio Salcines) ao que poderá acceder o proxecto mellor clasificado, que en caso de renunciar pasaría ao seguinte proxecto.

O xurado desta XII Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra decidiu conceder os seguintes premios:

• 1º Premio de 10.000€ para AZKA SAKRA, DESHIDRATACIÓN DE FROITAS: proxecto de transformación agroalimentaria para a deshidratación artesanal de froitas e verduras de colleita propia e de produtores locais.

• 2º Premio de 6.000€ para ADEGACONNECT: Unha plataforma cloud deseñada para pequenas adegas da Ribeira Sacra que necesitan dixitalizar a súa trazabilidade, permitindo controlar o ciclo completo “do viñedo á botella”.

• 3º Premio de 4.000€ para UVA ENTEIRA, TRANSFORMACIÓN BAGAZO: Transformación escalable do bagazo da uva da Ribeira Sacra en produtos premium de alto valor engadido.

Na entrega de premios participaron a directora xeral de AGADER, María Paz Rodríguez e a Vicepresidenta Primeira do Parlamento de Galicia, Raquel Arias. Presentando o acto a presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.

A XII edición do Concurso de Proxectos Semente Ribeira Sacra conta co patrocinio de diferentes institucións, empresas patrocinadoras e coa colaboración de diversas universidades e outras entidades.

Back to top button