Baixo o lema “Galicia en loita por unha vida digna” na pancarta que encabezaba a marcha, unha manifestación percorría o centro do Barco no mediodía deste 11 de novembro, no marco da folga xeral que se está a desenvolver en toda a España. Os participantes concentrábanse na praza do Concello e despois dirixíanse, pola estrada xeral da vila (un de cuxos carrís se cortaba ao tráfico) para logo xirar na rúa Abdón Blanco, seguir polo Malecón e voltar, pasando pola praza Andrés de Prada, ata a praza do Concello.
Esta convocatoria, realizada pola CIG, facíase polo “medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando a ruína o pobo e as clases traballadoras galegas”; porque “a vivenda é un dereito fundamental para todas as persoas pero a especulación converteuna nun luxo inacesibel para a maioria social”, entre outras cuestións. Inicialmente estaba prevista unha concentración pero, finalmente, acordábase facer unha marcha.
Unha vez completado o percorrido, na praza do Concello, procedíase á lectura dun manifesto. “O retroceso nas políticas sociais e o grave deterioro dos servizos públicos están a levar ao pobo e ás clases traballadoras galegas á ruina. A vivenda converteuse nun luxo inaccesíbel para a cidadanía, cando é un dereito fundamental que nos están quitando por culpa da especulación”, comezaba dicindo.
Ademais de expoñer as circunstancias actuais e o momento socioeconómico que se está a vivir, precisábase que “a pregunta ou crítica que escoitei nestes últimos días de “a boas horas esta folga xeral”, a resposta da CIG é: que levamos moito tempo promovendo, reivindicando estes abusos, por medio de folgas en moitos convenios colectivos, esta loita non é de días nin de meses. Son moitos anos que leva a CIG demandando esta situación, cómpre ir a máis na resposta que levamos meses promovendo, e avanzar coa convocatoria desta folga xeral. Galicia en loita por unha vida digna”, remataba o manifesto.
Fotos e vídeo: O SIL.