
A O Servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario de Ourense súmase á conmemoración do Día Mundial da Pneumonía cun chamamento á prevención desta enfermidade respiratoria, que continúa representando un importante problema de saúde pública, especialmente entre a poboación máis vulnerable.
Con motivo desta xornada, a pneumóloga Raquel Dacal Quintas, especialista do Hospital Universitario de Ourense, lembra a importancia de coñecer os síntomas, identificar os factores de risco e manter actualizada a vacinación como unha das principais medidas de protección fronte ás infeccións respiratorias.
A doutora Dacal destaca que “A pneumonía é unha infección respiratoria que afecta os pulmóns e que pode presentar distintos graos de gravidade. Pode tratarse dun cadro leve, que se pode atender no domicilio con medicación por vía oral, pero tamén pode evolucionar cara a formas graves que requiran hospitalización e mesmo ingreso nunha unidade de coidados intensivos“.
Unha infección que pode comprometer a función respiratoria
A pneumonía prodúcese cando determinados microorganismos provocan unha infección no tecido pulmonar, desencadeando unha resposta inflamatoria que pode dificultar a respiración e a adecuada osixenación do organismo.
Segundo explica a especialista, entre os síntomas máis habituais atópanse a tose, a expectoración, a febre e a sensación de falta de aire.
«A pneumonía caracterízase por síntomas como a tose, a expectoración, a febre ou a dificultade para respirar. Para confirmar o diagnóstico precisamos unha radiografía de tórax, na que xeralmente podemos observar unha imaxe de condensación pulmonar e, nalgunhas ocasións, tamén a presenza de líquido pleural», sinala Raquel Dacal.
A especialista explica que esta infección pode estar causada tanto por virus como por bacterias. Entre os axentes víricos destaca o virus da gripe, mentres que, entre as bacterias, unha das causas máis frecuentes é o Streptococcus pneumoniae, coñecido habitualmente como pneumococo.
A súa evolución depende de distintos factores, como o microorganismo causante, a idade do paciente, o seu estado xeral de saúde e a presenza doutras enfermidades.
A incidencia da pneumonía situouse en 5,1 casos por cada 1.000 habitantes, observándose unha maior frecuencia da enfermidade nos extremos da vida, especialmente na infancia e nas persoas de idade avanzada. Estes datos poñen de manifesto a importancia de continuar impulsando as medidas de prevención e concienciación, especialmente nunha área sanitaria como a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, caracterizada polo envellecemento da súa poboación.

A vacinación, unha ferramenta fundamental de prevención
Unha das principais recomendacións que realiza a doutora Raquel Dacal é manter actualizada a vacinación fronte aos microorganismos que poden provocar pneumonía ou favorecer a aparición de complicacións respiratorias.
«As vacinas son unha ferramenta fundamental para evitar infeccións. Temos vacinas como a da gripe, a da COVID-19 e tamén a vacina fronte ao pneumococo, que nos axudan a previr estas enfermidades», destaca a pneumóloga.
O calendario galego de inmunización contempla a vacinación fronte ao pneumococo durante a infancia e aos 65 anos, así como recomendacións específicas para persoas con determinadas condicións de risco.
Ademais da vacinación, Dacal insiste na importancia de evitar hábitos prexudiciais para a saúde respiratoria. “É importante tamén evitar hábitos tóxicos como o tabaco», subliña a especialista, lembrando que o tabaquismo favorece o desenvolvemento de enfermidades pulmonares e incrementa a vulnerabilidade do organismo fronte ás infeccións respiratorias.
Nenos pequenos, maiores de 65 anos e persoas inmunodeprimidas, os máis vulnerables
Aínda que a pneumonía pode afectar a persoas de calquera idade, existen determinados grupos de poboación nos que o risco de padecer a enfermidade ou desenvolver complicacións é maior.
«Temos que ter presente que hai grupos máis vulnerables ca outros. Na infancia, especialmente os nenos menores de dous anos e, en xeral, os menores de cinco, presentan un maior risco. Tamén os adultos maiores de 65 anos e as persoas inmunodeprimidas, que poden desenvolver con máis facilidade este tipo de infeccións», explica Raquel Dacal.
Desde o Servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario de Ourense lémbrase a importancia de prestar especial atención á aparición de síntomas respiratorios nestes colectivos e de solicitar valoración sanitaria cando existe sospeita de pneumonía.
A detección precoz, a valoración clínica e o tratamento adecuado segundo a causa e a gravidade da infección permiten reducir o risco de complicacións e mellorar a evolución dos pacientes.
Fotos e vídeo cedidos.