
Mantendo a esencia coa que naceu, para, máis alá do deporte e a competición “xuntar e que cada semana haxa unha escusa para saír da casa, achegarse ao pavillón, atoparse coa xente, animar, rir, celebrar e desfrutar xuntos dun partido”, o novo equipo de fútbol sala O Bolo FS organiza o seu primeiro magosto.
Será este sábado 14 de novembro no pavillón do Bolo e comezará ás 17 horas cun partido amigable “para amenizar a espera e xuntar aos veciños” entre o equipo local e Construcciones Chombo. E xa a partir das 20 horas será o magosto que inclúe unha merenda con bolo preñado, panceta, castañas asadas, bebida, bica e chocolate.
As entradas custan 12 euros por persoa e hoxe remata o prazo para recollelas no Mesón Volobriga e na Ferretería Miguel.
