En portadaÚltima hora

O presidente da Deputación de Ourense di que está a piques de abrirse a vía municipal que conecta con San Vicente (Vilamartín)

Tamén anunciaba que nesta xornada quedará habilitada unha pista forestal para que poidan transitar por ela turismos

 

Á situación das estradas de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), localidade que quedaba incomunicada por estrada onte por mor dos arrastres e das chuvias, referíase o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, na rolda de prensa celebrada tras a Xunta de Goberno deste luns 16 de novembro. Ademais anunciaba que “está a piques de abrirse a estrada municipal e tamén hoxe vai quedar operativa unha pista forestal para o tránsito de turismos”. Pero estes accesos serán con restriccións para garantir a seguridade.

Menor sinalaba que a “Deputación de Ourense estivo dende o primeiro minuto na estrada OU-0807 (que une Vilamartín de Valdeorras con San Vicente de Leira) garantindo a seguridade, estamos actuando para restablecer a vía como corresponde dentro do ámbito das nosas competencias, colaboramos coas outras administracións para ter atendida á poboación”.

Neste senso, referíase ás actuacións realizadas durante a xornada do domingo 15 de novembro. “Falamos do colapso dunha ponte mor das enchentas provocadas polas precipitacións de onte. Concretamente foi a mediodía de onte tivemos coñecemento e actuamos con prestancia ante o feito que o cauce do río Leira aumentaba considerablemente ata o punto de que a auga primeiro discorría polo medio da calzada no punto quilométrico 4 100 e nese punto a infraestrutura de drenaxe da auga non resistiu aos arrastres e os entullos e provocou o colapso da mesma. De inmediato, persoal de brigadas de vías e obras do Barco de Valdeorras, xunto con maquinaria, trasladáronse ao lugar para adoptar as medidas necesarias e urxentes, aínda que ata que deixara de chover con intensidade non era posible outro tipo de actuacións, máis que ao corte da estrada e a colocación de avisos correspondentes”. Tamén comentaba que en todo momento a Deputación traballou coordinadamente, a través do Cecopi, con todas as administracións.

Ademais, aseguraba que, “unha vez que as condicións técnicas o permitan, os técnicos da Deputación, van avaliar con urxencia os danos da vía e inmediatamente proceder as medidas que proceda adoptar para o restablecemento urxente, o máis inmediato posible da circulación, executando as obras por vía de emerxencia”.

Así, durante a rolda de prensa, Menor comunicaba que “está a piques de abrirse, con precaucións, se non está aberta xa a vía local, grazas á intervención da empresa pública Tragsa a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, como titular do cauce que contratou estes traballos. Desa maneira estaría restablecéndose a circulación por unha vía convencional, pero ao mesmo tempo, queremos dar unha resposta redundante, cunha nova vía e que é a vía forestal que está sendo acondicionada tamén para permitir o acceso de vehículos non só todoterreos”.

As causas do colapso

Con respecto ás causas que provocaban o colapso desta vía provincia, a xefa da Área de Infraestruturas da Deputación de Ourense, Marta Docampo falaba de tres factores principais. “O que pasou foi a consecuencia, por unha banda, do comportamento hidrolóxico do que é unha conca queimada, nas concas queimadas, o nivel de escorrentía que é a capacidade que ten o solo en absorber a auga, diminúe moito, entón toda esa auga que cae sobre a arboreda ou sobre o propio solo, xa non se infiltra e discorre, entón esa é unha das causas. Logo está a causa das talas que se están efectuando nos montes, que co maior caudal e coa maior velocidade que adquire este caudal, porque as cinsas acostuman taponar os poros do solo e fan como superficies moito máis deslizantes, é como comparar un solo de formigón cun solo de terra, a auga sempre vai como máis rápido polo formigón, o que é a escorrentía é máis rápida, todo isto arrastra os restos das talas e lévaos ao cauce”.

E, finalmente, Docampo aludía a unha terceira causa: “as obras de drenaxe das estradas, que non están dimensionada nin para ese incremento de caudal, nin para eses tapóns que forman os arrastres. Neste caso concreto o que sucedeu é que se taponou a obra de drenaxe e embalsou a auga. A altura da rasante da estrada con respecto ao cauce aí está en torno a 40 metros, e acabou rebentando a estrada polo empuxo da auga”.

Docampo tamén explicaba que “o único acceso que quedou a San Vicente era a pista forestal á que só se podía acceder con 4×4, e esta mañá a municipal vai quedar despexada, Nós contactamos cunha empresa que aluga pontes metálicos modulares, que sería a solución de emerxencia máis inmediata se os accesos quedasen cortados para garantir un acceso real a San Vicente, de momento iso parece que non vai ser necesario, e estamos tanteando declarar unha emerxencia para reconstruír a obra do paso posiblemente con vigas, construír un taboleiro con vigas e o que hai que analizar ben é se o propio trazado da estrada. Temos un estreitamento aí, permite o paso das grúas que se necesitan para colocar esas vigas e niso estamos traballando agora, contactando con empresas de prefabricados, para ver tempos de resposta, que en ningún caso nos garanten menos de 3 meses, con toda a axilidade que teñamos o problema non é de resolución inmediata”.

 

 

 

Back to top button