
A veciñanza de Veigamuíños, no concello do Barco de Valdeorras pide “aos técnicos municipais, empresa eléctrica, confederación hidrográfica ou a quen corresponda, que se proceda a realizar unha inspección urxente sobre o terreo, na rúa Camiño do Campo”.
Trátase da localización na que se atopa o transformador e os veciños explican que, debido “á excesiva altura das árbores e falta de mantemento” os días de vento coma o de hoxe, “sofren un abalo severo e dado que a traxectoria da caída das árbores está a invadir a zona de servidume dos cables condutores, existe un risco inminente e irreversible de que as debanditas árbores terminen por colapsar e caer”.
Aseguran que iso provocaría a “rotura das liñas de alta/ media tensión, podendo provocar danos en vivendas, un curtocircuíto, un incendio,… que deixe ao pobo sen subministración e poñendo en risco a vida de civís”.
Neste enlace poden verse as árbores movidas polo forte vento: https://www.facebook.com/share/r/1FQQL5ecEk/
