A cabeza de lista para o Congreso do Partido Popular de Ourense, Ana Belén Vázquez, chamou hoxe na Pobra de Trives a concentrar o voto no PP para “facer posible un cambio no Goberno de España o vindeiro 29 de novembro”. No mitin celebrado no Hostal La Viuda desta localidade, reivindicaba, xunto ao presidente provincial, Luis Menor, a experiencia de Alberto Núñez Feijóo e o seu coñecemento da provincia como garantías para abrir unha nova etapa centrada nas necesidades da cidadanía. “Que sexa cos votos dos ourensáns e das ourensás onde comece o cambio que necesita España”, afirmou.
Precisamente, Luis Menor advertiu contra o exceso de confianza e pediu aos populares unha mobilización constante durante toda a campaña. “Aquí non hai nada gañado. Cada voto hai que ir buscalo, porta a porta, conversa a conversa”, sinalou. Neste sentido, defendeu o voto ao Partido Popular como a “ferramenta para garantir unha alternativa de goberno e alertou das consecuencias de fragmentar o apoio electoral na provincia: Non desperdiciemos nin un só voto.
A candidata popular Ana Belén Vázquez criticou o balance dos gobernos de Pedro Sánchez, aos que responsabilizou da “división, parálise e esquecemento” de provincias como Ourense. Tamén cuestionou o apoio do BNG á investidura do presidente socialista, ao considerar que se traduciu nun “balance nulo para Galicia e para Ourense”. Fronte a esta situación, defendeu un Executivo que dedique o seu tempo e os seus recursos á vivenda, ao emprego, aos servizos públicos e ás infraestruturas. Como exemplo, reivindicou a “estabilidade de Galicia e o traballo desenvolvido desde Ourense para aprobar orzamentos e programar investimentos que ofrezan certezas ás familias, aos concellos e ás empresas. Planificar, escoitar e cumprir. Esa é a maneira de traballar que queremos levar a España”, resumiu.
Menor apostou tamén por unha forma de facer política baseada no respecto e na convivencia e destacou a traxectoria de Feijóo, avalada por catro maiorías absolutas en Galicia, e a oportunidade de que un ourensán chegue á presidencia do Goberno. “Os que máis o coñecemos temos que ser os que máis o apoiemos”, afirmou, antes de pedir aos asistentes que trasladen esa confianza ás súas familias e amizades, tamén ás que residen fóra da provincia.

O dirixente popular subliñou que a candidatura ourensá ás Cortes Xerais combina “experiencia, coñecemento das administracións e vinculación co territorio”. Aos seus integrantes reclamoulles “dedicación na campaña e compromiso durante toda a lexislatura” para defender as necesidades da provincia.
Educación: autoridade do profesorado, convivencia e menos burocracia
A xornada de campaña do PP de Ourense incluíu tamén un encontro sectorial sobre Educación no Hotel Barceló da cidade, coa participación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; do candidato ao Congreso Roberto González; e de representantes da comunidade educativa. O acto, moderado polo director territorial de Educación, Jorge Rubén Sampedro, abordou as medidas de convivencia escolar, a autoridade do profesorado e o Marco Galego para o Impulso Educativo.
Durante a súa intervención, Roberto González estableceu un paralelismo entre o labor docente e o das Forzas e Corpos de Seguridade para reivindicar o respecto aos servidores públicos. “A autoridade non é autoritarismo. É responsabilidade, é respecto e é garantía de convivencia”, afirmou.

O candidato explicou que o programa electoral de Alberto Núñez Feijóo contempla reforzar a autoridade do profesorado, desenvolver a súa carreira profesional, reducir a carga burocrática e garantir a defensa xurídica dos docentes que sufran agresións. Tamén destacou a proposta dun novo marco educativo, acordado coa comunidade educativa, que recupere o mérito, o esforzo e a estabilidade do sistema. González incidiu, finalmente, na colaboración entre as familias e os centros como base da convivencia: “O respecto ás normas non comeza cando intervén un policía. Comeza moito antes, na casa e na escola”.
Este mitin abríao o candidato do PP á alcaldía de Trives, Aarón Álvarez, quen despois daba paso á cabeza de lista ao Congreso pola provincia e ao presidente do PP de Ourense.
Fotos: O SIL.

