
A petición do Concello de Parada de Sil, Inés Santé, directora da Area da Paisaxe; Daniel Canosa e Francisco García, técnicos da Fundación Juana de Vega, compartían unha xornada de traballo na Casa Consistorial co edil de Turismo e Cultura, Paco Magide. Era pretensión do Concello que esa fundación coñecese in situ o chamado modelo de desenvolvemento de Parada de Sil no seu conxunto para buscar algunha liña de colaboración, tanto en asesoramento técnico como en posibilidades de finanzamento.
Ao longo dun par de horas no concello, expúxose o feito ata agora, procurando combinar oportunidades de traballo e oferta de vivenda social. Dentro do sector primario fíxose unha análise da castaña na que a estreita colaboración do concello coa asociación de propietarios de soutos permite ir avanzando na mellora e posta en valor dos mesmos, realizouse unha visita a un dos polígonos nos que se levou a cabo unha intervención de poda sanitaria e desbroce para a continuación desprazarse a Nave da Castaña, compartindo a necesidade de instalar unha cámara de frío e unha clasificadora industrial que permitirá un mellor prezo para a veciñanza.
Visitáronse as oito vivendas de aluguer social promovidas polo concello e rehabilitadas coa axuda doutras administracións como a Deputación, a Consellería de Vivenda ou o GDR Sil-Bibei-Navea, vivendas ocupadas por oito familias, a última por un matrimonio xoven con dous fillos que ven de Barcelona a traballar ó Xeriátrico.
Tamén se fixo unha análise do desenvolvemento do sector turístico resaltando o liña de sostibilidade que está a levar o Concello dende a implantación do Bus lanzadeira ata a suspensión de licenzas urbanísticas con calquera finalidade turística no núcleo de Parada de Sil, algo que técnicos e concello compartiron como positivo.
A xornada rematou coa visita ó Castiñeiro singular de Entrambosríos no que se levou a cabo unha intervención sanitaria e tamén no seu entorno con resultados positivos, xa que esta árbore está volvendo a renacer con moitos brotes.
Establecéronse liñas de colaboración para buscar axudas para outros aproveitamentos dos soutos, así como levar a cabo un estudo para a implantación dun rabaño bombeiro que, co seu pastoreo, desbroce o entorno dalgúns pobos. Unha vez feito o estudo, verase a posibilidade da súa implantación como proxecto piloto