
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, teñen en marcha as “XXXVII Xornadas Luis Asorey”. Esta edición céntrase na medicina natural, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo, de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición neste ciclo, no que tamén se pode participar de xeito online, é gratuíta.
A xornada de mañá mércores versará sobre a saúde ambiental, en particular sobre a exposición ao gas radón e os seus efectos sobre a saúde. Contarase coa participación de Lucía Martín de Bernardo, profesora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, directora de Calidade do Laboratorio de Radón de Galicia (CRETUS-USC). Participa activamente en proxectos de investigación centrados neste tema e é autora de varias publicacións científicas e informes técnicos nesta liña. Así, ten colaborado co Ministerio de Sanidade en traballos relacionados coa vixilancia sanitaria de persoas expostas a este gas.
A investigadora da Universidade de Santiago explica que “o radón é un gas nobre, que, por tanto, non ten cheiro, cor nin sabor, e é inerte quimicamente. Con todo, ten un núcleo inestable que emite radiación alfa ao desintegrarse. E é que este gas procede dunha cadea de desintegración radioactiva, a do uranio-238, de xeito que o radón que respiramos hoxe era uranio sólido hai 4000 millóns de anos”.

Sempre respiramos radón, sobre todo en espazos interiores
“O radón xérase de forma natural e ubicua na cortiza terrestre a partir da descomposición do uranio. Así, como case calquera tipo de terra ou roca no mundo ten uranio -aínda que sexa unha cantidade mínima- este gas prodúcese en maior ou menor medida en calquera recuncho do planeta” -indica a experta-. Salienta que “pode fluír desde a cortiza terrestre, a través dos poros do chan, cara á atmosfera, onde se dilúe. Pero tamén pode ser exhalado desde o chan cara ao interior dos edificios a través de gretas ou aberturas sanitarias e, dado que é un gas máis denso que o aire, pode acumularse nos espazos interiores”.
A investigadora pon de relevo que “sempre respiramos radón, sobre todo en espazos interiores. Pero non só radón, tamén isótopos de polonio, que son produto da desintegración do radón e que, á súa vez, tamén se desintegran disparando radiación alfa”. Esta radiación procedente do radón e dos seus descendentes supón a principal fonte de radiación ionizante que recibimos os humanos e ten un efecto ben coñecido e moi negativo sobre a saúde, o aumento de risco de cancro de pulmón. Os primeiros estudos epidemiolóxicos realizados nos anos 1950 en traballadores de minas de uranio xa chegaron a esta evidencia. Na actualidade, varias investigacións do grupo de Epidemioloxía e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, con medicións de radón en máis de 6000 fogares de toda a comunidade, buscan dilucidar ou descartar outros posibles efectos sobre a saúde.
No transcurso da xornada vanse sortear entre o público asistente cinco medicións de radón. A finalidade é que as persoas que consigan facerse cunha destas probas poidan medir a presenza de radón nas súas casas.
. INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas xornadas.