
Organizado polo Servizo de Pediatría da Área Sanitaria, Ourense acollerá os días 20 e 21 de novembro, no Auditorio Municipal, o 76 Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia (SOPEGA), cun programa que achegará temas de plena actualidade na práctica clínica como os avances na intelixencia artificial e o impacto das tecnoloxías na infancia.
A actividade comezará este venres, ás 11.00 horas, con tres obradoiros. Un de simulación de casos clínicos, dirixido a residentes de Medicina e Enfermería, e outros dous de radioloxía e dermatoloxía. O de simulación de casos clínicos terá lugar na Unidade de Simulación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras (na Avda. de Zamora 13) no edificio da Xefatura Territorial de Sanidade, impartido por Noemí Pazos Diz, Laura Barreiro Carballo e Antía Rivas Oural, do Hospital Universitario de Ourense; Nerea Sarmiento Carrera, pediatra do Centro de Saúde Valle Inclán; Rita García Fernández, do hospital de Santiago; e Daniel Moreno Leira, do hospital da Coruña.
O Auditorio Municipal será a sede doutros dous talleres. Na sala vermella, Cristina Pérez López, especialista en Radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, dedicada á radioloxía pediátrica, impartirá unha sesión de casos prácticos mediante a revisión de exemplos a través das probas de imaxe e da súa interpretación. Na sala azul desenvolverase un obradoiro de dermatoloxía pediátrica, a cargo de Ignacio Luis Suárez Conde, xefe do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense.
A conferencia inaugural correrá a cargo de Manuel Molina Arias, especialista en Gastroenteroloxía Pediátrica do Hospital Infantil Universitario La Paz, de Madrid, e autor de varios artigos sobre intelixencia artificial aplicada á pediatría. Por exemplo como apoio a interpretación de probas de imaxe, ou elección de tratamentos adaptados ás características de cada paciente, sempre nun marco de seguridade, comprobación e protección de datos.
Infancia e novas tecnoloxías
A psiquiatra infantil do Hospital Universitario de Ourense, Lourdes Cuello Hormigo, coordinará o sábado unha mesa sobre os problemas asociados ao uso abusivo das tecnoloxías da información, na infancia e na adolescencia. Participarán a pediatra de atención primaria Marta Carballal Mariño, o biólogo molecular Julio Rodríguez e o inspector Manuel Felipe Rodríguez Gómez, responsable da Delegación de Participación Cidadá da Comisaría Provincial de Ourense.
O uso das tecnoloxías na infancia forma parte das liñas de colaboración da Sociedade de Pediatría de Galicia coa Xunta de Galicia, que asinaron, en maio de 2025, un convenio coa Consellería de Educación para promover hábitos dixitais responsables nos centros educativos, formar o profesorado e implicar as familias na protección da saúde dos menores. Colaborando na elaboración do Plan de benestar dixital da Xunta.
Neste ámbito, a Asociación Española de Pediatría recomenda establecer límites de tempo e contidos adaptados á idade, acompañar os menores no uso dos dispositivos e preservar o descanso, o xogo, a actividade física e as relacións presenciais, propoñendo acordar normas na casa, manter espazos libres de pantallas e evitar o seu uso durante as comidas e nas horas previas a durmir.

Novidades na diabetes tipo 1 e na inmunización infantil
A mesa de actualización en pediatría, o venres día 20, estará coordinada pola referente en endocrinoloxía pediátrica do Hospital Universitario de Ourense, Gemma Nóvoa Gómez, e incluirá a experiencia clínica de Patricia Enes Romero, do Hospital Infantil Universitario Niño Jesús, co novo fármaco aprobado pola Unión Europea, o pasado mes de xaneiro, para atrasar a fase sintomática da diabetes tipo 1, o teplizumab, que parmite o seu uso, a partir dos oito anos, en nenos e nenas que xa se atopan nunha fase previa da enfermidade.
Na mesma mesa, Héctor Ríos Duro, do Hospital Vall d’Hebron, abordará o papel da pediatría na enfermidade renal crónica, e Jaime Lozano Blasco, do Hospital Sant Joan de Déu, falará da inflamación de tipo 2, unha resposta inmunitaria implicada en enfermidades como algunhas formas de asma.
As sesións de avances en pediatría, tratarán tamén do papel da atención primaria no seguimento da neurofibromatose de tipo 1, unha enfermidade xenética, e a evolución da prevención fronte ao pneumococo. Igualmente, se revisarán as novas evidencias sobre a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial e á enfermidade meningocócica.
Por último, o sábado intervirá Jesús Eirís Puñal, neuropediatra do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e expresidente da Sociedade Española de Neuroloxía Pediátrica, cunha sesión de actualización na súa especialidade.
Con preto de cento cincuenta inscricións, no congreso presentaranse 28 comunicacións orais, en catro sesións, e 66 pósteres en seis paneis. O encontro rematará coa asemblea xeral da sociedade, a lectura das bolsas e a entrega de premios.