ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

San Xoán de Río celebra o centenario de Rosa López, veciña da parroquia de San Xurxo

A celebración coincide coa posta en marcha de Río Convive, un proxecto de participación veciñal

 

Neste xoves 19 de novembro Rosa López Vázquez, veciña da parroquia de San Xurxo é nai de 3 fillos (dous homes e unha muller), cumpriu cen anos. A súa familia, a veciñanza e o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, acompañárona hoxe nunha celebración sorpresa polo seu centésimo aniversario. Rosa, veciña da parroquia de San Xurxo, pasa parte do ano na residencia da localidade e segue a pasar temporadas na súa casa cando a familia pode acompañala.

“É a terceira persoa que alcanza esta idade desde o verán en San Xoán de Río, un municipio de arredor de 500 habitantes”, aseguran dende o Concello, explicando que a celebración coincide coa posta en marcha de Río Convive, un proxecto piloto promovido por Entre_Nós para mellorar a convivencia, favorecer a axuda mutua e reforzar o sentimento de pertenza á comunidade.

“A iniciativa combinará o traballo presencial no municipio coa participación cidadá e un sistema de recompensas que recoñecerá a implicación das persoas, asociacións e colectivos na mellora da vida en comunidade. O obxectivo é desenvolver unha experiencia que posteriormente poida trasladarse a outros concellos da Ribeira Sacra”, explican.

 

 

Para coñecer como se relaciona a veciñanza, como participa na vida do pobo e como evolucionan os seus vínculos, Entre_Nós contará con persoal sobre o terreo en San Xoán de Río. “O equipo avaliará a convivencia a través de diferentes índices e empregará os resultados para definir novos retos e recompensas”. O primeiro reto xa está activo en rioconvive.org e consiste en conseguir que cen persoas se unan a Río Convive. “Cando se alcance esa meta, colocarase o Parladoiro da Convivencia, un banco-escultura de Cándido Caneiro Canier, concibido como lugar de encontro, conversa e intercambio entre xeracións”. A medida que melloren os índices de convivencia e se acaden as metas previstas, activaranse novas recompensas. Entre as experiencias previstas figuran voos en avionetas de competición, que se sortearán entre as persoas implicadas na mellora da convivencia.

Nunha fase posterior, Río Convive contempla a celebración de Río Convive Fashion Days, un evento no que a veciñanza e profesionais do mundo da moda colaborarán na preparación dun desfile. A proposta busca promocionar San Xoán de Río, dar visibilidade ás empresas e profesionais da contorna e reunir persoas con experiencias e coñecementos diferentes arredor dunha iniciativa común.

O proxecto incorpora tamén Río Convive Lonxevidade, unha iniciativa que avaliará a capacidade das persoas para adaptarse aos cambios nas distintas etapas da vida, un aspecto que o proxecto denomina “lonxevidade emocional”. Desde hoxe a web de Río Convive ofrece un botón de acceso gratuíto a apoio emocional profesional para os veciños e veciñas de San Xoán de Río. “A través desta vía poderán recibir acompañamento ante preocupacións ou dificultades da vida cotiá, tamén cando lles resulte difícil pedir axuda á súa contorna máis próxima”, explican dende o Concello.

Back to top button