Ata Valdeorras desprazábase neste 19 de novembro a cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Ourense, Noa Presas. Participaba, a partir das 19:30h. nun mitin no Multiusos do Barco, que abría o concelleiro do BNG neste municipio, Xavier Rocha, que, deseguido, daba a palaba á alcaldesa da Rúa e número 3 da candidatura ao Congreso, María G. Albert, que incidía na situación de incomunicación que lastra a esta comarca, tanto no referente ao ferrocarril, como por estradas, tendo en conta a situación da N-120 e a parálise no proxecto da A-76, “da que nin sequera se fala”. E aseguraba que grazas ao BNG “os problemas de Valdeorras por fin contan en Madrid”, en referencia ás iniciativas presentadas nesta materia no Congreso e no Senado.

Ademais, Albert aludía á importancia dos dereitos cidadás e á vida digna. “A política ten que servir para mellorar a vida da xente, á xustiza social. O BNG é unha garantía de que se van defender eses dereitos”. E, a continuación, presentaba á candidata Noa Presas como unha “persoa implicada co seu país e coas maioríais sociais, e que vai representar como ninguén a voz da provincia de Ourense en Madrid”.

Pola súa banda, Noa Presas, chamaba a veciñanza valdeorresa a ser partícipe do fito histórico e conseguir, “por primeira vez, unha deputada nacionalista que verdadeiramente defenda os intereses da comarca. Fronte ao bipartidismo estéril que abandono durante case 50 anos Valdeorras, Presas presenta o BNG como a forza política que permitiría darlle peso as comarcas ourensáns e rematar coa discriminación histórica que sofre Valdeorras, sobre todo en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias”.

Presas lanzaba unha pregunta. “¿Que trouxo o bipartidismo a esta provincia? Abandono, foi un bipartidismo estéril”. E logo argumentaba que “o bipartidismo clásico non lle foi ben a Valdeorras en case 50 anos en que se foron intercambiando os escanos por Ourense e gobernando o Estado. Desmantelaron os servizos ferroviarios e non atenderon as necesidades reais de actuación para a mellora da rede viaria existente, a comezar polo arranxo integral da N-120 e non os parches que se están a realizar” exemplificou Presas.
Valdeorras e o conxunto de Ourense, continuaba Presas, “precisan ter peso político onde se toman decisións importantes que afectan ao día a día da veciñanza. Desta volta non decide o azar nin un despacho en Madrid, decidimos nós co noso voto este 29N. Imos cambiar a historia co primeiro escano do BNG por Ourense”.
E concluía que “imos con toda a forza a estas eleccións porque xa é hora de cambiar o guión. Imos demostra que alá onde está, o BNG marca a diferenza”.
Fotos e vídeos: O SIL.
