SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai organiza a charla “Lactación materna nos primeiros días”, o 25 de novembro no Barco

Lorena Prada, da Asociacióin De Nai a Nai, nunha charla anterior sobre lactación materna./ Foto: A.R.

 

O vindeiro mércores 25 de novembro, ás 17:30 horas, terá lugar a charla “Lactación materna nos primeiros días”, promovida pola Asociación de De Nai a Nai do Barco, e dirixida tanto a mulleres embarazadas como a nais recentes e persoas interesadas en acompañar a lactación. Terá lugar na rúa Academia Dequidt, número 6, no cuarto andar do edificio da biblioteca.

A iniciativa busca “ofrecer ás futuras nais e ás familias información rigorosa e ferramentas prácticas para afrontar con maior tranquilidade o inicio da lactación. Trátase dunha etapa na que adoitan xurdir numerosas dúbidas e na que contar con información e apoio pode marcar unha diferenza importante”, segundo informa a entidade.

Ao longo da sesión abordaranse cuestións fundamentais como as posturas e o agarre correcto do bebé ao peito, os primeiros sinais de fame, a subida do leite e as molestias máis habituais. Tamén se falará de como identificar posibles dificultades que requiran atención profesional, da importancia do apoio familiar e emocional e das crenzas e mitos que rodean a lactación materna.

A charla está especialmente pensada para mulleres embarazadas que teñan intención de aleitar e para nais que acaban de dar a luz e desexen resolver cuestións relacionadas coa alimentación dos seus bebés. Así mesmo, anímase a asistir acompañadas de familiares ou persoas próximas, xa que a contorna desempeña un papel esencial no acompañamento durante esta etapa.

De Nai a Nai quere, ademais, “favorecer o intercambio de vivencias e experiencias entre mulleres, polo que tamén serán benvidas aquelas nais que desexen compartir o seu percorrido coa lactación e contribuír así a crear unha rede de apoio entre familias”.

A sesión será impartida por Lorena Prada Fernández, enfermeira e consultora internacional certificada en lactación (IBCLC). A actividade será gratuíta e de acceso libre.

 

Back to top button