As rúas da vila do Barco volvían converterse na mañá deste 22 de novembro nun circuíto de atletismo. Desta volta para acoller a XVIII Carreira Popular dos Santiños, cun trazado de 5 km. Ás 11h. poñíase en marcha a proba, que saía dende o polideportivo de Calabagueiros, e contaba cuns 60 inscritos nas diferentes categorías.
Estes atletas tiñan que dar dúas voltas a un circuíto de 2,5 km completamente urbano e chairo que discorría polas rúas habituais: Río Mariñán, Rúa Barco de Ávila, Paseo do Malecón (onde se establecía un control de paso), para despois voltar pola rúa A Coruña ata o pavillón de Calabagueiros.


Nesta edición impoñíase con rotundidade o atleta valdeorrés Alejo Ares (Adas Cupa do Barco), ganador en categoría absoluta.
Esta proba estaba incluída no Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo e controlada a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Para velar pola seguridade durante a carreira contábase coa colaboración da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de diferentes agrupacións do oriente ourensán (Vilamartín, O Barco, O Bolo, Petín, A Rúa, Manzaneda) así como da Cruz Vermella Valdeorras.

Ademais, nesta edición a Carrreira dos Santiños volvía ter un carácter solidario xa que nela recollíanse doazóns de xoguetes para a Cruz Vermella, nas pistas de atletismo Luis Nogueira, no estadio de Calabagueiros, onde ademais se desputaban as carreiras das categorías da base.
Fotos e vídeos: A.R.
En breve ampliarase información e galería fotográfica.





