
Na xornada deste sábado 21 de novembro Quiroga recibía a triste nova do falecemento, no Hospital Lucus Augusti, de Ramón Vicente Fernández López, coñecido popularmente como “Tito”, unha persoa moi coñecida e querida en Quiroga, onde exerceu durante moitos anos como axente da Policía Local ata a súa xubilación en 2024.
Dende o Concello de Quiroga expresan un profundo pesar e consternación polo seu pasamento, asegurando que “a súa dedicación, proximidade e compromiso exemplar coa seguridade e o benestar de todos os quirogueses deixan unha pegada inesquecible na nosa vila”.
“Tito” tamén era unha persoa vinculada ao deporte, e máis en concreto ao voleibol, formando parte da directiva do equipo feminino da Ribeira Sacra. Ademais, era pai da internacional Carolina Camino, xogadora do CV Melilla, que se formou na canteira da Ribeira Sacra, alén de debutar na elite do voleibol español co Arenal Emevé, club no que estivo varias tempadas.
Casado con Sara Camino Leiro, “Tito” viviu durante anos na Rúa e deixa dous fillos, Carolina e Carlos, ademais dun irmán, Luis. Eles e toda a súa familia rogan “unha oración pola súa alma” e a asistencia á condución do cadáver, mañá, domingo 22 de novembro ás 16 horas, desde a sala Rosalía de Castro do Tanatorio Garrido de Quiroga, á igrexa parroquial da vila, onde se celebrará o funeral polo seu eterno descanso, ás 16:20 horas e seguidamente a súa incineración, na intimidade familiar.