
O seu galego viña da familia, dos avós “e logo da rúa, tanto en Vilanova dos Infantes, como no meu barrio da Barbaña en Ourense. Eu non aprendín o galego, aprendín a falar”. Así o contaba Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938-Vigo, 2026) alá polo 2002 nunha entrevista na que recibía na súa casa de Vigo ao Periódico O SIL. Un galego, engadía, que foi dende, ademais, a súa forma de expresión literaria. “Creo que non houbo ningunha razón, que máis ben houbo un pulo que se pode racionalizar, pero que é de natureza vital ou sentimental, máis que outra cousa”.
Ferrín pasaba a súa nenez entre a casa paterna en Vilanova dos Infantes (Celanova) e o domicilio familiar en Ourense, ata que en 1949 mudábase coa familia a Pontevedra. Tras rematar os estudos medios nesta cidade, onde dende o Bacharelato mantiña os primeiros contactos co grupo galeguista nela, en 1955 iniciaba Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde se integrou na nova xeración galeguista, que tiña como referente a figura de Otero Pedrayo, e coñeceu o círculo de Ramón Piñeiro. “Eses anos foron para min definitivos. Foron os máis felices da miña vida e ademais, por razóns biográficas case biolóxicas, foron tamén os máis difíciles. Son os anos da adolescencia, da primeira mocidade. Pero realmente foron magníficos pola presenza dunha individualidade, a de Ramón Otero Pedrayo, que era catedrático da Universidade, era profesor noso e, ó mesmo tempo, acompañábanos nos paseos, nas conversas de café”, contaba na citada conversa con O SIL, na que tamén resaltaba a influencia que sobre el tivo ese intelectual ourensán.
Ademais, continuaba os estudos de Filoloxía Románica, na especialidade de español en Madrid, onde fundaría o grupo Brais Pinto de acción cultural. “Esta denominación deulla, o que despois fora xornalista e escritor, Xosé Fernández Ferreiro, polo nome dun afiador de Nogueira de Ramuín que deu a volta ó mundo coa roda e foi morrer a Madrid e está enterrado alí. Entón foi como o noso patrón, o símbolo do que nós pensabamos como un nacionalismo de esquerdas, pero, ó mesmo tempo, aberto a todas as correntes do mundo”.
Despois de “dar voltas polo mundo”, regresaba a Galicia e lograba unha praza no Instituto Santa Irene de Vigo, onde exerceu e viviu ata a súa xubilación. “Eu como me vexo a min mesmo é como profesor, ese é o meu verdadeiro oficio, o meu traballo”, contaba. “Tamén escribo, efectivamente, pero eu non me considero un escritor, considérome alguén que escribe, cousa que por outra parte penso que lles ocorre á maioría dos escritores galegos”. Mostra disto é a súa ampla producción literaria: a novela, o teatro, o artigo xornalístico, o ensaio filolóxico e a historiografía literaria. A súa obra foi traducida a diversas linguas e levada ao cine: en 1974 Eloy Lozano filmou Retorno a Tagen Ata, e en 2022 Ángeles Huerta filmou O corpo aberto, inspirándose nun relato de Arraianos. Para Méndez Ferrín, a fantasía non tiña por que ser unha fuxida da realidade, “senón que a fantasía é tamén a realidade, é unha maneira de reflectila e de transformala”.
Máis alá da creación literaria e tamén xornalística, Méndez Ferrín foi tamén un estudoso da literatura, e realizaba, entre outras achegas, unha edición crítica das cantigas do xograr Pero Meogo e o ensaio de historiografía literaria De Pondal a Novoneyra (1984). De feito, o seu discurso de ingreso como membro numerario da Real Academia Galega (foi membro correspondente da RAG desde 1961 a 1967), que lía na Coruña o 30 de setembro do ano 2000, estaba dedicado á “Poesía medieval vista dende os relanzos derradeiros do século XX”. Ocupaba a cadeira deixada por Anttonio Fraguas. “Hai unha cadea de intelixencia cordial que vén de Murguía ata nós outros formada de elos que van construindo a idea comunal de nación galega desde alicerces científicos e non míticos ou imaxinarios. Esta Academia simboliza como ninguén dita cadea fraguada (digo ben) cun metal no que se alea a esperanza nun futuro de emancipación e de progreso e o coñecemento da propia realidade”, dicía na súa intervención.

Foi así mesmo un dos fundadores e primeiro director da revista de pensamento crítico galego A Trabe de Ouro (1990) e cuxo consello de redacción se formaba en outono de 1989. A súa derradeira reunión tiña lugar en outubro deste ano 2026, para preparar o número 133.
No 2006, o Pen Club de Galicia presentaba, por segunda vez, a candidatura deste autor, autor de títulos como “Pólvora e magnolias” ou “Arraianos”, ao Premio Nobel de Literatura dese ano, pero a candidatura no prosperaba.
En xaneiro de 2010, Méndez Ferrín asumía o reto da presidencia da RAG. Apenas dous meses despois, nunha entrevista tamén co Periódico O SIL, contaba cales eran os seus eixos centrais que pretendía desenvolver no seu mandato. “Para min o principal é a gramática, os diccionarios (e dígoo en plural porque o diccionario ten que estar continuamente actualizándose) a onomástica e a literatura e, en menor medida, outros ramos da investigación e do saber, porque están ben cubertos por outras institucións. Isto digamos que é un traballo interno. E, de portas para fóra, a Academia ten que continuar estando presente no mundo e na sociedade como o está agora: Días das Letras Galegas, exposicións, actos públicos e posicionamentos cando as circunstancias o reclamen como o que se fixo sobre o decreto do plurilingüismo. Desexaría que estes fosen os menores, agora ben, hai veces que a RAG ten que estar presente e está”.
Na madrugada do 19 de novembro, Xosé Luís Méndez Ferrín falecía aos 88 anos e vestía de loito o mundo intelectural, cultural e literario galego. Diferentes entidades emitían comunicados manifestando o seu fondo pesar, como é o caso da RAG. ““Era unha figura central da cultura a galega desde a segunda metade do século XX polas súas achegas nos eidos da creación literaria, o xornalismo, os estudos literarios e a filoloxía, e presidente da institución entre 2010 e 2013”. Dotado dun “estilo inconfundible, de alta densidade literaria, a súa obra constitúe un universo moi persoal, no que se mesturan elementos do plano mítico e do real, do existencial e do político”, aseguran dende a RAG, destacando do seu legado literario títulos que xa son grandes clásicos das letras galegas contemporáneas”.

Tamén a Fundación Curros Enríquez facía público un texto, no que indicaba que “Xosé Luis Méndez Ferrín tomou o camiño do retorno definitivo para Vilanova dos Infantes. Dende a Fundación lamentamos profundamente o pasamento de quen exerceu de faro-guía do proceso de recuperación da casa do poeta, axudando así a convertela na realidade cultural e literaria e no referente social que hoxe é, proxecto do que sempre se amosou especialmente orgulloso, de entre todos cantos e tan poliédricos acometeu ó longo da súa talentosa e fecunda vida”. E concluía asegurando que “para a Fundación Curros Enríquez, Ferrín permanecerá sempre no equilibrio da máxica trabe que nos seguirá amosando cara onde nos ha de conducir a Barronca cara os vieiros correctos do tempo. Dende o val de Celanova, coa torre da homenaxe de Vilanova dos Infantes como fito fundamental, se cadra non haxa mellor adaxio nestes momentos ca reproducir palabras propias que un día lle dedicou “a un seu fillo” “.
E o Concello de Celanova que decretaba este 20 de novembro, “día de loito oficial no municipio” e destacaba que “Vilanova dos Infantes foi a Patria deste polifacético intelectual galego, poeta, novelista, xornalista e político, que presidiu a Real Academia Galega e foi patrón da Fundación Manuel Curros Enríquez, guía no proceso de recuperación da Casa dos Poetas, axudando a convertela no referente cultural e social que é hoxe. Polo seu compromiso e apoio á Romaría Etnográfica Raigame, o pasado 17 de maio dedicóuselle o
premio Adolfo Enríquez”.