A VeigaConcellosÚltima hora

Os cativos da Veiga levan as súas propostas ao salón de plenos do Concello polo Día Mundial das Infancias

 

Na mañá deste venres 20 de novembro, as nenas e os nenos da Veiga acudían ao Concello para ler o seu manifesto polos dereitos da infancia e presentar as súas reivindicacións ante os representantes municipais. O acto, celebrado ás 11 horas no salón de plenos baixo o lema “Na Veiga, a infancia ten voz!”, contou coa participación do alumnado do CEIP Eduardo Ávila Bustillo e das crianzas das casas niño Meniñeiro e A Porteliña.

O alcalde da Veiga, Juan Anta, o tenente de alcalde, Vicente Lameiro, e a concelleira de Cultura, Eva Yáñez, recibiron aos pequenos e escoitaron as súas propostas. Ao acto asistiron tamén nais, pais e técnicas do Concello. “Coa lectura do manifesto, as nenas e os nenos exerceron o seu dereito a expresar a súa opinión sobre os asuntos que lles afectan e a seren escoitados no lugar onde se toman decisións sobre a vida do municipio”, explican dende o Concello.

 

 

A preparación do manifesto comezou o mércores 18 de novembro no CEIP Eduardo Ávila Bustillo cos obradoiros “Coñecendo os nosos dereitos”, impartidos por Araceli Macías, educadora familiar do Plan de Inclusión IV. “O alumnado, desde educación infantil ata 6º de primaria, reflexionou sobre como se viven os dereitos da infancia na Veiga e que lle gustaría mellorar”, explica a educadora, adiantando que tanto os obradoiros como o acto de hoxe forman parte do Plan de Inclusión IV do Concello da Veiga, que conta co apoio da Xunta de Galicia e co cofinanciamento da Unión Europea.

A programación continúa o domingo con ioga en familia

E xa o domingo 22 de novembro, ás 12 horas, o ximnasio do CEIP Eduardo Ávila Bustillo acollerá un obradoiro de ioga en familia para crianzas a partir de tres anos acompañadas dunha persoa adulta. Yolanda Losada, de Origen13 Escola de Ioga, guiará unha sesión de movemento, xogo e relaxación. “As prazas esgotáronse en dous días, mostra da alta participación das familias na xornada”, indican dende a organización, incidindo que  que o obradoiro de ioga conta coa financiamento do Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, a través da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Fotos cedidas.

 

Back to top button