DeportesÚltima hora

Mara Racing, o proxecto dun piloto valdeorrés e outro berciano que chegou ao Campionato Catalán de Resistencia de Clásicas

Arturo Martínez e Michael Franco crearon, xunto ás súas parellas e un amigo, este equipo que vén de medirse cos mellores pilotos europeos nas "4 Horas de Resistencia de Calafat"

 

A paixón polas motos clásicas e a competición unía hai anos a dúas persoas case veciñas, Arturo Martínez Rodríguez, de Sobradelo no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras; e Michael Franco Álvarez natural do Bierzo na provincia de León, localidades separadas en realidade por moi poucos quilómetros. “Eramos amigos de antes pero ao marchar para o País Vasco perdimos o contacto ata que hai tres anos volvimos quedar”, explica Michael, sendo nese momento cando comezaban a súa aventura no mundo do motociclismo.

Nacía así Mara Racing, un pequeno equipo amateur formado polos dous pilotos e as súas respectivas parellas, María del Carmen (máis coñecida como “Mara”) e Andrea, que se encargan de boa parte da organización, a loxística e as tarefas de apoio durante as carreiras. Contan ademais coa axuda dun quinto amigo, Lorenzo, que se encarga da mecánica e dos labores de reposición.

 

 

“Aínda que sexamos dous os que nos subimos á moto, detrás hai un pequeno equipo de cinco persoas cuxo traballo, implicación e ilusión son fundamentais para que todo isto sexa posible”, aseguran, explicando que hai unhas semanas tiveron a oportunidade de participar por primeira vez nas “4 Horas de Resistencia de Calafat” dentro do Campionato Catalán de Resistencia de Clásicas, unha competición que reúne a equipos e preparacións de gran nivel e que forma parte do panorama europeo da resistencia de motos clásicas.

O equipo de Arturo e Michael compite cunha Yamaha FZ 750 practicamente de serie, fronte a outras motos con preparacións e prestacións superiores. “Isto fai que o reto sexa aínda maior e que a nosa participación teña un compoñente especial: desfrutar da resistencia e competir cos nosos propios medios, sen grandes estruturas nin preparacións profesionais”, aseguran.

 

 

Tamén recoñecen que a carreira non estivo exenta de dificultades. De feito durante as catro horas que durou tiveron bastantes problemas, especialmente relacionados coa carburación, que os obrigaron a traballar e adaptarse sobre a marcha. “Na nosa categoría terminamos en última posición, algo que tamén hai que poñer en contexto, xa que era a nosa primeira participación nunha proba destas características e tivemos que afrontar diversos problemas técnicos durante a carreira”. Aínda así, non só completaban esta primeira experiencia senón que o facían nunha nada desprezable 19ª posición na clasificación xeral, entre os 30 equipos participantes, medíndose con equipos moito máis experimentados e con motos de maiores prestacións, o que supuxo “unha aprendizaxe enorme e unha motivación para seguir mellorando”.

 

 

Máis aló do resultado deportivo, para Mara Racing tamén é importante dar visibilidade a esta modalidade de motociclismo desde unha perspectiva máis amateur. “Cremos que detrás das carreiras hai moitos afeccionados, pequenos equipos e persoas que, con moito esforzo, traballo e ilusión, manteñen viva a paixón polas motos clásicas e fan posible que este deporte siga crecendo”, din, desexando que a súa participación nesta carreira “servise tamén para achegar este mundo a máis xente e demostrar que non fai falta contar cunha gran estrutura para desfrutar da competición e formar parte dela”.

Porque ao final, esta experiencia non é soamente dos dous pilotos, senón das cinco persoas que forman o equipo e que comparten o esforzo e a ilusión de estar na grella.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button