
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental para transformar preto de 8 hectáreas de monte en viñedos no concello ourensán de Castrelo de Miño. O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, acompañado polo alcalde deste municipio, Avelino Pazo: pola presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outras persoas, visitaba esta mañá a zona coincidindo, precisamente, coa publicación no Diario Oficial de Galicia do informe de impacto ambiental que permitirá o cambio de uso forestal a agrícola de varias parcelas no monte veciñal en man común de Vilela, na parroquia de Macendo.
“Trátase dunha resolución favorable, condicionada ao cumprimento dos requisitos fixados no propio documento ambiental, polo que o proxecto, promovido pola cooperativa Viña Costeira para ampliar as súas plantacións de vide, supera así a tramitación ambiental”, segundo a consellería.

Tras incidir en que o apoio ao crecemento de adegas como esta impulsa o emprego e consolida o enoturismo como motor económico durante todo ano, Nicolás Vázquez destacou que Galicia está a demostrar a compatibilidade entre producir no rural e manter este territorio activo coa imprescindible protección da contorna e o medio ambiente.
Para acadar este obxectivo, indicou que autorizacións como esta levan aparellado o cumprimento de condicionantes que garantan o coidado da biodiversidade e do patrimonio natural e cultural. Neste caso, adoptaranse medidas como a disposición dunha cuberta vexetal, de árbores autóctonas ou de valados tradicionais na contorna. O conselleiro remarcou que a Xunta seguirá garantindo o rigor das avaliacións ambientais e unha tramitación áxil e eficiente para que aquelas iniciativas sostibles se poñan en marcha e contribúan a un rural galego con máis oportunidades a nivel económico e social.
