AletismoDeportesÚltima hora

O XXIX Cross Guillelme Brown reunirá a centos de atletas o 28 de novembro no Pereiro de Aguiar

O sábado 28 de novembro, a partir das 10:30 horas, celebrarase nas instalacións do colexio no Pereiro de Aguiar, o XXIX Cross Guillelme Brown, unha das citas deportivas xa consolidadas no calendario atlético da provincia de Ourense.

A competición, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, reunirá deportistas de diferentes idades procedentes de colexios, clubs e asociacións deportivas da capital e doutros puntos da provincia.

Baixo o lema “Deporte é saúde”, o Colexio Guillelme Brown promove esta iniciativa co obxectivo de “fomentar a práctica deportiva, transmitir os valores asociados ao atletismo e ofrecer unha xornada de convivencia na que o deporte, a participación e a vida saudable sexan os grandes protagonistas”.

O Cross contará cun amplo programa de carreiras adaptadas ás distintas idades e categorías, desde os máis pequenos, coa proba de chupetes para nenos e nenas nados nos anos 2021 e 2022, ata a categoría absoluta. Tamén haberá unha carreira específica para pais, nais e profesorado do centro, coa intención de implicar toda a comunidade educativa nesta celebración deportiva.

 

 

As saídas comezarán ás 10:30 horas coas categorías Sub16 e Sub18 e continuarán, de maneira progresiva, coas categorías Sub14, Sub12, Sub10, Sub8, chupetes, adultos e absoluta, cuxa carreira está prevista para as 12:55 horas. A entrega de trofeos terá lugar ás 13:30 horas.

O percorrido, que combina tramos de terra, herba e asfalto, desenvolverase integramente no recinto escolar, con diferentes distancias en función da categoría e da idade dos participantes.

A participación será totalmente gratuíta e as inscricións poderán realizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com no caso dos atletas non federados. Os deportistas federados deberán tramitar a súa inscrición a través dos seus respectivos clubs. O prazo permanecerá aberto ata as 24 horas do xoves 26 de novembro, ou ata acadar o límite máximo de 500 participantes establecido pola organización.

Desde o Colexio Guillelme Brown animan a todos os colexios, clubs, familias e afeccionados ao atletismo a participar nesta nova edición, tanto formando parte dun equipo como a título individual.

Back to top button