ConcellosO BarcoÚltima hora

Veciños do Barco de Valdeorras recollen sinaturas para solicitar conexión directa de autobús con A Coruña

Estación de Autobuses do Barco de Valdeorras.

 

Viaxar entre A Coruña e O Barco de Valdeorras tense convertido nun desafío significativo para aquelas persoas que necesitan realizar este traxecto con regularidade, polo que os afectados están aportando o seu gran de area para solicitar conexión directa de autobús entre estes dous puntos. Un deles é unha petición para recoller sinaturas a través dun enlace web que está tendo unha gran repercusión.

Na petición explican que actualmente, moitas persoas, incluídos estudantes, traballadores e familias, enfrontan o inconveniente de ter que viaxar ata Villafranca del Bierzo para logo depender de familiares ou outros medios para completar a viaxe. “Este arranxo non só resulta inconveniente e custoso, senón que tamén implica desprazamentos adicionais que consomen tempo e xeran gastos de combustible innecesarios. Vólvese particularmente problemático durante as fins de semana, momentos en que o número de estudantes que viaxan da Coruña ao Barco pode encher por completo as prazas dispoñibles”.

Aseguran que “os estudantes e traballadores que se mobilizan entre estas dúas cidades merecen contar cun transporte máis directo e efectivo”. De feito, a ausencia dun servizo de autobús directo “impacta de xeito negativo a calidade de vida e o benestar financeiro de moitas persoas; e o feito de implementar unha conexión directa non só aliviaría estes problemas, senón que tamén potenciaría a mobilidade rexional e fortalecería as conexións comunitarias”.

Por iso instan “ás autoridades locais e ás compañías de transporte a considerar seriamente a creación dunha liña de autobús directa entre A Coruña e O Barco de Valdeorras”, unha medida que “non só beneficiaría a quen actualmente realizan este traxecto por necesidade, senón que tamén podería fomentar o turismo e o desenvolvemento económico en ambas as áreas”.

Petición: https://c.org/VYx9YwBtm5

Back to top button