En portadaÚltima horaVídeos

O Clúster da Pizarra de Galicia homenaxea aos seus ex presidentes e aos da Asociación Nacional de Colocadores

Este recoñecemento abría os II Premios Pioneiros da Lousa, celebrados neste 24 de novembro en Vilamartín

 

Recoñecer ás persoas e entidades que teñen contribuído ao desenvolvemento e a consolidación da industria louseira galega. Con este obxectivo celebrábase neste 24 de novembro a segunda edición dos “Premios Pioneiros da Lousa”, no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín. O acto, promovido polo Clúster da Pizarra de Galicia reunía a preto de 200 persoas, entre empresarios do sector e doutros, profesionais da arquitectura e da arquitectura técnica e diversas autoridades, entre elas o presidente da Xunta de Galicia, a consellería de Economía e Industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e o director de Turismo de Galicia, así como o presidente da Deputación de Ourense.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asiste á II edición dos Premios Pioneiros da Pizarra. Complexo Paladium (Vilamartín de Valdeorras).

 

O evento iniciábase pasadas as 12:15h. cunha intervención do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, quen lembraba a orixe destes galardóns, que nacían no 2025 para distinguir ás “persoas, empresas, institucións que contribuíron a construír un futuro mellor para a lousa. Sabemos que a lousa é un piar esencial da economía da nosa comunidade, unha xeradora de emprego e de oportunidades nos diferentes entornos rurais, cun peso especial nesta comarca de Valdeorras e tamén noutras zonas como Lugo ou A Coruña. Un recoñecemento co que queremos manter viva e poñer en valor o labor e o esforzo de persoas, de organizacións e entidades que fixeron da lousa un dos puntais da economía galega”.

Lembraba así mesmo, como na primeira edición dos premios se homenaxeaba “a todos aqueles empresarios e colocadores de lousa que souberon mirar máis alá e creron nas posibilidades deste material tan nobre, persoas que con visión e determinación arriscaron e imaxinaron un futuro mellor para a potencial da lousa, uns verdadeiros visionarios que da nada conseguiron que Galicia se convertera na capital mundial da lousa”. Tamén se galardoaba aos 11 concellos galegos produtores de lousa.

 

 

E, xa nesta segunda edición, aseguraba Eliseo López, apostábase recoñecer a aqueles empresarios que se encargaron de “dirixir con responsabilidade o grupo do sector da lousa, e da súa cadea de valor, na que conflúen actividades e traballadores moi diversos que son a parte esencial do sector, dende aqueles que extraen a lousa nas minas e canteiras, pasando polos que transforman, elaboran e dan forma á lousa, a aqueles que instalan e colocan a lousa en cubertas e fachadas, os que transportan moitas veces ata destinos lonxanos o material e, finalmente, aqueles que comercializan dentro e fóra das nosas fronteiras a lousa”.

 

 

Así, os “Pioneiros da Lousa” distinguidos nesta segunda edición eran once antigos presidentes da Federación Nacional da Pizarra e do Clúster da Pizarra de Galicia (anteriormente a Asociación Galega de Pizarristas), así como da Asociación Nacional de Colocadores. “Foron un exemplo de esforzo, de compromiso e de xenerosidade, sen dúbida, esa responsabilidade supúxolles moitas renuncias persoais e para xestionar as súas empresas exportando, pero as súas valiosísimas achegas en cada unha das etapas que lles tocou liderar, posibilitaron xerar un sector forte e comprometido e tamén cohesionar, o que significa fortalecer a súa representación institucional e contribuír en boa parte ao que é hoxe en día ao sector”.

 

 

Eliseo López manifestaba a súa norabo e agradecemento antes de mencionar os nomes dos homenaxeados: “comezando pola Federación Nacional da Pizarra, que liderou dende os seus comezos Aureliano Fernández e tamén o Clúster da Lousa, que presidiron por esta orde: Ángel Pérez, Esteban González, Rogelio López, Manuel Fernández Blanco, Jesús Vidal Corcoba, Santiago Vázquez León, José Fernández e Víctor Cobo, a súa admirable traxectoria é un exemplo para todos nós. Tamén quero destacar aos dous ex presidentes da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra, José Antonio Matarán e Miguel Ángel Fernández”.

 

 

 

 

 

 

Deseguido, dábase paso á entrega dos recoñecementos a estes ex presidentes ou ás súas familias, no caso daqueles xa falecidos. Cada un deles, ao recoller o premio, manifestaba o seu agradecemento ao Clúster por este recoñecemento e resaltaban o orgullo de formar parte desta industria, na que xogaron un papel clave. Ao acto non asistía Miguel Ángel Fernández, quen recollerá o premio na sede do clúster.

Despois, tiña lugar a entrega doutros catro premios aos colexios e escolas de arquitectura e arquitectura técnica.

 

 

Clausura do presidente da Xunta de Galicia

A clausura desta gala corría a cargo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen na súa intervención aseguraba que “Valdeorras é viño, pero é sobre todo lousa”, e poñía en valor a contribución estratéxica deste sector ao desenvolvemento económico e social de Galicia. “Creo que poucas cousas expresan a tradición, a alma e a Galicia Calidade dunha comarca como a de Valdeorras e de toda a comunidade como a lousa”. Tamén felicitaba ao Clúster por recoñecer o labor e esforzo dos pioneiros deste sector.

Ademais, o titular da Xunta aludía á importancia da cooperación entre a industria extractiva e a arquitectura para avanzar cara a unha construción eficiente, sustentable e de calidade. Neste senso, destacaba a versatilidade dun material ligado á paisaxe galega que tamén se adapta ás novas solucións construtivas, “porque a boa arquitectura necesita bos materiais como os que aquí temos, como é o caso da lousa”.

 

 

Ademais facía especial fincapé no peso desta actividade na comarca de Valdeorras e no conxunto da provincia de Ourense, lembrando que a industria da lousa permite ofrecer oportunidades laborais, ao tempo que aposta pola seguridade e o respecto ambiental.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: A.R.

 

 

 

 

 

Back to top button