
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca que a protección das mulleres vítimas da violencia machista e dos menores debe ser “unha prioridade permanente” das Administracións públicas e o conxunto da sociedade. Así o aseguraba durante o seminario “A protección xurídica das mulleres e menores vítimas de violencia. Tutela xudicial efectiva e garantías de protección”, celebrado na tarde deste martes 24 de novembro na Facultade de Dereito do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, con motivo do Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25N, que se conmemorará mañá.
Durante a súa intervención, o subdelegado indicou que a violencia machista non é un problema privado, nin unha cuestión que poida quedar relegada ao ámbito familiar. “É unha vulneración dos dereitos humanos que interpela o conxunto da sociedade e fronte á que os poderes públicos temos a obriga de actuar con determinación”, sinalou.
Neste sentido, Eladio Santos incidiu na necesidade de fortalecer os mecanismos de prevención, detección e atención ás vítimas, así como de “garantir que as mulleres que sofren violencia machista e os seus fillos e fillas conten con recursos suficientes para recuperar a súa autonomía e desenvolver unha vida libre de violencia”.
O programa abriuse coa conferencia “Tutela xudicial efectiva e garantías procesuais das vítimas de violencia de xénero: protección fronte á vitimización secundaria” da doutora Inés Celia Iglesias Canle, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo. Continuou a doutora Ana Isabel González Fernández, profesora de Dereito Procesual, que abordou “A protección procesual das menores vítimas de violencia de xénero: audiencia, proba preconstituída e garantías de protección”. Logo, a fiscala delegada de Trata de Persoas e Estranxeiría de Ourense, María Pilar Manso López, tratou o “Acceso á xustiza e protección integral de mulleres estranxeiras e vítimas de trata e explotación sexual”. O seminario seguiu coa ponencia “Máis alá da explotación: saúde, dereitos e protección das vítimas de trata”, a cargo de Petra Torres Almendro, de Médicos do Mundo.
