
O Bloque Nacionalista Galego reivindicaba o 25 de novembro desde Viana do Bolo a necesidade dunha “tarifa eléctrica galega que permita que os beneficios da produción enerxética do país repercutan directamente na cidadanía galega, especialmente naqueles territorios que soportan os impactos ambientais e territoriais derivados da construción dos encoros”.
O candidato do BNG ao Senado, Bernardo Varela, acompañado da tamén candidata Melanie Arias e da alcaldesa de Viana do Bolo, Graciela Diéguez, puxo como exemplo a realidade da provincia de Ourense, unha das principais produtoras de enerxía hidroeléctrica do Estado. Desde o encoro do Bao, Varela lembrou que “Galiza produce arredor de 5.400 megavátios hora de electricidade, dos que apenas consome unha quinta parte, mentres que o excedente se exporta fóra do país”.
Aseguraba que “non só marcha a enerxía cara a Madrid, tamén marchan os beneficios económicos que xeran os nosos encoros, que se aproximan aos 600 millóns de euros anuais”. Neste sentido, defendeu a proposta do BNG dunha tarifa eléctrica galega para que “esa riqueza reverta no territorio e beneficie directamente os fogares e as actividades económicas galegas”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Viana do Bolo, Graciela Diéguez, falou do “impacto que a explotación hidroeléctrica tivo historicamente” no municipio e na súa contorna. “En Viana sabemos ben o que significa producir electricidade. Temos o río Bibei encaixado no val do Bao e mesmo alteraron o noso territorio sen respecto polo impacto ambiental que podía ter na contorna”, manifestou.
Diéguez incidiu no contraste entre os custos que asume o territorio e a ausencia de beneficios específicos para a veciñanza: “Porén, pagamos a electricidade igual de cara que en calquera outro punto do Estado. Queremos unha tarifa eléctrica máis barata para as nosas zonas e para os concellos produtores de electricidade”. A alcaldesa reclamou así unha tarifa eléctrica galega que teña en conta a realidade dos territorios que soportan as consecuencias da produción enerxética.
Tamén a candidata ao Senado Melanie Arias apelou á necesidade de poñer fin a un modelo no que, segundo denunciou, “Galiza asume os impactos da produción enerxética sen recibir unha compensación equivalente. É o momento de dicir basta xa ao espolio enerxético da nosa terra, de que mandemos a enerxía para Madrid e non teñamos ningún beneficio de volta”, afirmou.
Arias lembrou que o BNG defende unha tarifa eléctrica galega como “unha ferramenta para que a riqueza enerxética do país repercuta na súa propia cidadanía e chamou a apoiar esta proposta nas eleccións do vindeiro 29 de novembro enchendo as urnas con papeletas do BNG”.
O BNG considera que “Galiza non pode continuar sendo un territorio produtor de enerxía que soporta os custos ambientais e territoriais desta actividade mentres os beneficios económicos se concentran fóra do país”. A formación nacionalista defende que a produción enerxética debe traducirse en vantaxes para a poboación galega, con especial atención aos concellos produtores e ás comarcas que, como a de Viana do Bolo, conviven directamente coas grandes infraestruturas hidroeléctricas.