PolíticaÚltima hora

Besteiro (PSdeG-PSOE) chama a “unha mobilización masiva” nas urnas

 

“A democracia, a marabillosa democracia, é a que nos permite hoxe votar.” Así o defendeu José Ramón Gómez Besteiro ante os medios despois de exercer o seu dereito ao voto esta mañá no CEIP Rosalía de Castro de Lugo. O secretario xeral do PSdeG aproveitou a comparecencia para pedir unha mobilización masiva nas eleccións xerais deste domingo e para animar “a todo o mundo, a todos e a todas” a pasar polas urnas. “Sobre todo, hai que votar para que ninguén decida por cada un de nós. Hai que votar masivamente”, insistiu.

Os colexios electorais permanecen abertos ata as oito da tarde, e o líder dos socialistas galegos quixo lembralo para que ninguén se quede sen votar por un descoido. “Podemos facer moitas cousas no día sen esquecernos de vir votar”, dixo. Pediu esa participación ampla “para que, efectivamente, todos e todas nos sintamos representados nesta votación, nesta exaltación da democracia que é unha elección”.

Na súa intervención houbo tamén espazo para o agradecemento. Besteiro quixo ter “un cariño especial” para quen fai posible a xornada electoral, e citou o persoal das administracións, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os homes e mulleres que están nas mesas electorais “desde a primeira hora desta votación”. Non esqueceu os medios de comunicación, “que cubrides esta xornada electoral e toda a campaña”.

O secretario xeral lembrou a “todos aqueles que xa fixeron a súa votación desde o estranxeiro”, persoas que están fóra de Galicia pero queren votar, e tivo palabras tamén “para aqueles que querendo votar non puideron votar”. A todos eles dirixiu unha mensaxe clara. “A distancia non lle resta voz e importancia á súa decisión nestas eleccións xerais”, afirmou.

O PSdeG seguirá a noite electoral desde a súa sede nacional en Santiago de Compostela, onde agardará os resultados unha vez pechen os colexios ás 20.00 horas.

Back to top button