Non pudo ser. Intentouno e estivo á altura pero finalmente Ramón Núñez (Club Kickboxing Valdeorras) perdía aos puntos contra o actual campión galego en K1 neoprofesional, Rodrigo Pires (Club Kickboxing Viana) no combate celebrado no Barco de Valdeorras, na noite do sábado 28 de novembro.


A loita polo campionato galego (63 kg) era o broche a unha intensa velada de deportes de contacto celebrada no pavillón vello barquense que congregou a numeroso público para desfrutar de oito combates de alto nivel no que participaron catro loitadores barquenses adestrados polos irmáns Pardo, Juan e Luis, nas instalacións do Ximnasio VALSPORT: Ramón Núñez, Brián Guaita, Alejandro Menéndez e Felipe Morales, sendo Brian o único que saía vitorioso da súa pelexa.

O MFC 056, evento mixto de K1 e MMA, comezaba cun combate de K1 neoprofesional (60 kg) que gañaba aos puntos Érik Sanmartin (Kickboxing Miro-Ferrol) e continuaba con outro de K1 amateur (70 kg) no que vencía, tamén aos puntos Yorel Laiz (MFC Ponferrada).


Despois chegaba a quenda dos combates de MMA amateur. En 65 kg. Brais López (981 Fighter Coruña) vencía aos puntos; e en 68 kg, Ignacio de la Mora (BJJ Vetusta-Oviedo) vencía por sumisión. O quinto combate, de 78 kg, era o do púxil local Brian Guaita (Graíño Team O Barco) que vencía por KO técnico. O seu compañeiro de equipo, o barquense Alejandro Menéndez, perdía aos puntos o seu combate (64 kg); mentres que o último de MMA amateur, 75 kg, no que loitaba Felipe Morales resultaba nulo.

Fotos: Carlos G. Hervella.