En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un espectacular Chevrolet Bel Air abría a XIII Carreira da Feira do Viño de Quiroga

Pisa de novo o asfalto tras seis anos de restauración por parte do seu propietario, natural de San Clodio

Sorprendía e encandilaba á vez. Cunha agradable sorpresa, en especial para os afeccionados aos vehículos clásicos, comezaba a XIII Carreira Popular da Feira do Viño de Quiroga na tarde do 14 de abril. Un espectacular e elegante Chevrolet Bel Air abría a proba.

Trátase dun vehículo do ano 1959 que vén de ser obxecto dunha longa e mimada restauración ao longo de seis anos por parte do seu propietario, Fernando, natural de San Clodio. “Cando o merquei estaba desfeito de todo, de desguace, levaba dado de baixa dende o ano 79. Compreino no 2011 e dende entón estiven dándolle duro, fixen eu o traballo de restauración, pedindo as pezas a EEUU”, conta.

Hai pouco que rematou con ese labor e esta é a segunda ocasión na que este vehículo clásico pode verse nun acto público. A primeira foi na súa voda. Unha das particularidades deste Chevrolet é que “veu para España e matriculouse en Madrid no 61. E foi feito para Europa xa que ten o contakilómetros en km/h, posto que normalmente nos EEUU están postos en millas, e o cambio é manual, mentres que alí soen ser automáticos. Polo tanto é un modelo americano pero feito para Europa. E non é moi fácil atopar un vehículo americano tan antigo feito para aquí”, destaca Fernando.

Que o desfrutes Fernando!

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button