O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o CEIP “Mestre Vide” de Ourense, acompañado polo director do mesmo, Juan Manuel Regal; a xefa territorial de Educación, María Luz Fernández, e autoridades educativas e profesores do centro. No percorrido polas instalacións, o presidente do goberno provincial visitou as actuacións realizadas no colexio co apoio da institución provincial: a biblioteca do centro, o espazo cuberto á entrada do edificio e a nova pista do pavillón de deportes.
O director do centro, agradeceu en nome da comunidade educativa do CEIP á Deputación de Ourense “a colaboración que vén mantendo nos últimos cinco anos co noso colexio, a cal fixo posible a realización dunha serie de obras que non sería posible levar a cabo se non fose pola cooperación da institución provincial”.
Manuel Baltar cualificou ao “Mestre Vide” como “un colexio de referencia en Ourense polos seus altos estándares de calidade educativa”, e expresou que a Deputación “colabora a prol dos máis novos posibilitando melloras nas infraestruturas deste centro educativo e apoiando iniciativas culturais, formativas e de coñecemento, unhas transformacións de progreso e evolución que se poden facer cando se xuntan as ideas, neste caso da Dirección do centro, coa capacidade de resposta que temos como goberno provincial”.
Baltar destacou os investimentos que a Deputación de Ourense está a facer tamén noutros centros de ensino da provincia por medio do convenio que neste ámbito desenvolve coa Xunta de Galicia. “Trátase de avanzar nas infraestruturas educativas para contribuír á mellora das instalacións onde desenvolven a súa formación os nenos ourensáns, e o exemplo do CEIP “Mestre Vide” é boa mostra diso”, afirmou o presidente provincial.