Unha edición máis, a Feira do Viño de Amandi vén de cobrar vida esta tarde en Sober co tradicional corte de bacelos. Esta mostra, que se celebra nesta fin de semana en Sober, culmina un intenso programa do “Mes do Amandi”. A inauguración corría a cargo da adega A Cividade, ao cumprirse o décimo aniversario do falecemento do seu fundador, José Verao Rodríguez. No acto contábase os membros da adega, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo presidente do CRDO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía.
O alcalde de Sober tomaba a palabra para presentar ao representante da adega, Suso Verao, un dos fillos do fundador, que agradecía “termos a honra de inaugurar esta 45 edición da Feira do Viño de Amandi”. Despois facía tres referencias moi concretas no seu discurso. En primeiro lugar lembraba a historia de A Cividade, fundada no “mesmo ano no que se crea a D.O. Ribeira Sacra”, destacando despois como no 2015 Brais Verao “toma o mando coa xubilación do seu pai, semella que o relevo xeracional está garantido”.
Deseguido, resaltaba que esta “homenaxe é un recoñecemento colectivo a todas as viticultoras e viticultores, a todas persoas, gandeiros, oleiros, cultivadores do mel e demais, que mantiveron en tempos de abandono viva a esperanza dun rural tamén vivo, ás que permaneceron, ás que regresaron e ás que viñeron para acá”. E, finalmente, aseguraba que “esta homenaxe ha de ser compartida entre homes e mulleres, eis algúns detalles do tándem Pepe e Pilar”, destacando “o orgullo deste gran de area” aportado polo proxecto da adega “para manter vivo o rural”.
A partir de a, procedíase ao corte de bacelos e as autoridades facían un percorrido polas casetas das diferentes adegas. Tamén o público podía degustar os viños de ata 22 adegas da subzona de Amandi, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, mentres soaba o ritmo da Batucada X de L.
Así, as adegas participantes nesta edición da feira son: A Carqueira (A Carqueixa-Proendos), A Man de Prado (Bolmente), Algueira (Doade), Barbado (Proendos), Cividade (Outeiro-Bolmente), Cruceiro (Vilachá-Doade), Don Bernardino (Cima de Vila-Brosmos), Estrela (Vilachá-Doade), Finca Cuarta (Outeiro-Proendos), Guímaro (Sanmil-Brosmos), Gullufre (Lobios), Lucenza (Corvella-Proendos), Malcavada (Rosende), Marcelino I (A Carqueixa-Proendos), Petrón (Doade), Proencia (Sanxillao-Proendos), Rectoral de Amandi (Amandi), Regina Viarum (Doade), Soutelo (Lamas-Bulso), Tear (Suairexa-Figueiroá), Val da Lenda (Cantón-Amandi) e Viña Frieira (Vilachá-Doade).

O Concello de Sober estrea este ano unha nova imaxe da feira cunha carpa decorada cunha fotografía xigante da ribeira “a modo de miradoiro” e con stands para os bodegueiros e bodegueiras completamente renovados.

O programa para os vindeiros días, 12 e 13 de abril é o seguinte:
Sábado 12 de Abril
-Ás 11.00 horas: Apertura de stands.
Ás 11.30 horas: Actuación dun Grupo de Música Tradicional, a través do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
-Ás 12.30 horas: Actuación da Banda de Música de Sober.
-Ás 17.00 horas: Comezo da Precata Oficial.
-Ás 18.30 horas: Actuación da Batukada Baturruca.
-Ás 21.30 horas: Actuación de Lucía Pérez.
-Ás 23.00 horas: Actuación de Gin Toni’s.
Domingo 13 de Abril
-Ás 10.45 horas: Actuación da Charanga NBA.
-Ás 11.00 horas: Pasarrúas coa Banda de Música de Sober.
-As 11.15hora: Actuación da batukada Tukupá.
Ás 11.30 horas: Comezo da Cata Final Oficial.
Ás 11.30 horas: Misa Solemne coa Bendición de Ramos, na Igrexa de Sober.
-As 12.00 horas: Animación cunha dunha selección de Tunas de Madrid.
-Ás 12.30 horas: Recepción de autoridades na Casa do Concello.
-Ás 13.00 horas: Pregón a cargo da cantante do Incio Lucía Pérez.
-Ás 13.30 horas: Entrega de Premios.
-Ás 17.30 horas: Actuación da Charanga NBA
-Ás 18.00 horas: Actuación de Gaitukada Aikirindo.
-Ás 19.30 horas: Baile coa orquestra Los Satélites.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
