ConcellosTrivesÚltima hora

A alcaldesa de Trives celebra a decisión do COFO de dar manter as gardas nas farmacias do municipio

Patricia Domínguez anuncia que abre "unha vía de colaboración coa entidade para mellorar a atención no rural sen que en ningún caso se vexan minoradas as condicións laborais nin económicas dos profesionais"

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, vén de emitir un comunicado no que celebra a decisión do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ouense de “dar marcha atrás e manter as gardas no concello”. A rexedora mostrou o seu rexeitamento aos “recortes na atención farmacéutica” a pasada semana, despois de que se anunciase á veciñanza a necesidade de realizar desprazamentos a Castro Caldelas cando pecharan as farmacias do municipio.

Nunha carta enviada ao presidente da entidade, Santiago Leyes, Domínguez solicitou explicacións ao considerar que a alteración das quendas de garda das farmacias “era absolutamente irresponsable” e entraba en conflito coa normativa de aplicación. Unha vez que o Colexio de Farmacéuticos atendeu a súa demanda, a alcaldesa di que abre “unha vía de colaboración coa entidade para mellorar a atención no rural sen que en ningún caso se vexan minoradas as condicións laborais nin económicas dos profesionais”. Domínguez asegura que “buscaremos fórmulas que melloren a cobertura farmacéutica e melloren as condicións de traballo deste sector profesional, ao que me comprometo persoalmente dado o compromiso do colectivo e especialmente dos farmacéuticos de Trives co noso rural e o noso pobo”.

Ademais, convocará a unha próxima reunión aos titulares das farmacias do concello, cos que a alcaldesa xa contactou a pasada semana ao coñecer a medida do Colexio de Farmacéuticos. A intención é abordar a problemática da cobertura no rural e buscar fórmulas que melloren a atención á veciñanza sen ocasionar un prexuízo aos titulares e traballadores. O xoves trasladará esta demanda, así como a problemática existente, á dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), da que Patricia Domínguez forma parte.

Artigos relacionados

Back to top button