
Un ano máis o Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo e Arquivo Provinciais de Ourense veñen de presentar o 13 de marzo o número correspondente do seu anuario Boletín Auriense, neste caso o LIV, do ano 2024, con temas relacionados coa arqueoloxía, historia e arte, no ámbito de Galicia e da provincia de Ourense.
“Neste volume, no campo da arqueoloxía, abórdante temas relacionados coa Metalurxia do Bronce Final Atlántico no sueste de Galicia; obxectos de época romana vinculados coa escritura procedentes da Cibdade de Armea (Allariz, Ourense), ou novas datacións radiocarbónicas para o xacemento de Castromao (Celanova, Ourense)”, tal e como explica Xulio Rodríguez González dende o Grupo Marcelo Macías.
O Cabido da Catedral de Ourense no século XIV; o Coto de Portón e Corneira, ou o estudo da “Sociedad hijos del ayuntamiento de Gomesende en Buenos Aires”, xunto cun bloque de catro artigos nos que se investiga sobre diferentes aspectos do Ourense dos anos 20, tales como a política e a sociedade, a sanidade pública, a industria, ou a situación da muller, son algúns dos temas do campo da historia abordados neste novo volume.
Complétase este número con aspectos iconográficos, como o de David e o león labrados nos tímpanos polilobulados galegos do románico, coa súa análise e revisión fotogramétrica.
O Boletín Auriense, que se vén publicando desde 1971, intercambiase con máis de cincocentas institucións españolas, europeas e americanas, cuxos libros procedentes destes intercambios enriquecen a biblioteca do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.