
A figura galega do afiador vén de plasmarse nun mural. O artista ourensán Mon Devane, recoñecido internacionalmente por retratar oficios e identidades, inmortalizou na fachada do proxecto Rural Haus a Juan Pérez, veciño da aldea, afiador, emigrante e inventor, nunha fachada da súa aldea natal, Castiñeiro (San Xoán de Río).
O mural presentouse nas vésperas do San Antón, a festa que cada xuño reúne a toda a parroquia. Este ano, ademais de música e reencontros, Castiñeiro celebra arte con memoria, facendo desta obra un acto colectivo de homenaxe e de futuro.
Juan Pérez naceu en 1935. Foi pastor de neno e afiador de mozo. Comezou o oficio co seu tío Antonio de Cambela, tamén afiador, con quen viaxou á Mancha no ano 59, cargando coa roda e coa esperanza. De aí emigrou a Suíza, volveu a Barcelona, e foi pioneiro ao motorizalo afiando cunha Vespa que o levou ata Andorra, Eivisa e a Costa Brava. Soaba o chiflo, falaba barallete e sempre cobraba con retranca. Hoxe, con 89 anos, é coñecido como o Patriarca da Billarda, querido por toda a comunidade.

A obra de Mon Devane non retrata só unha cara, senón unha época. Con ela, rende homenaxe a milleiros de afiadores galegos que levaron as aldeas polo mundo con enxeño, dignidade e rodas. E tamén lanza unha mensaxe poderosa: a arte pode ser ferramenta para repoboar, emocionar e restaurar a identidade dos pobos.
A fachada onde se pintou forma parte do proxecto Rural Haus, impulsado por Grupo Rural Manager SL (Aldealista) xunto co Concello de San Xoán de Río, que busca restaurar vivendas con criterios sostibles, recuperar oficios e crear novas formas de habitar o rural con sentido e comunidade.
“Este mural non é só unha homenaxe ao meu pai. É unha maneira de dicir que os pobos tamén teñen dereito a ser escenario de arte, memoria e futuro”, afirma Juan Carlos Pérez, fundador de Aldealista e fillo do afiador.
“San Xoán de Río abre as súas portas ao mundo con orgullo. E faino dende as súas aldeas, que non están baleiras: están cheas de historias como a de Juan”, sinala o alcalde José Miguel Pérez Blecua.
Fotos cedidas.