OurenseÚltima hora

A atención sanitaria da silicose en Valdeorras, obxecto de debate na Deputación

O PSdeG-PSOE presentaba unha moción no pleno provincial sobre a adopción dun plan integral contra a silicose na provincia de Ourense

 

A situación dos enfermos de silicose en Valdeorras era obxecto de debate na sesión plenaria ordinaria que a Corporación provincial celebraba este 25 de abril en Ourense. O grupo do PSdeG-PSOE na Deputación defendía unha moción sobre a adopción dun plan integral contra a silicose na provincia de Ourense.

A iniciativa era defendida no pleno, que contaba coa asistencia de representantes da Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival), polo deputado socialista Emilio Luis Vidal, quen comezaba explicando que a silicose “é unha enfermidade profesional grave que afecta a traballos expostos ao po de sílice cristalina, nomeadamente na minería, cantería, industria transformativa de materiais de orixe mineral e construción”. Tamén se refería a un informe do Ministerio de Sanidade que conclúe “a reemerxencia da silicose en España, rexistrándose en 2024 até 520 casos do total de 5.900 comunicados desde 2007. Uns datos que confirman o deterioro da situación sobre a que xa alertaba o Instituto Nacional da Silicose (INS) cando confirmou 224 novos casos de silicose en 2023, marcando unha cifra substancialmente superior á media dos últimos 15 anos”.

O deputado socialista comentaba así mesmo que Galicia “segue a ser a comunidade autónoma española máis afectada” por esta enfermidade e que durante o período 2020-23 “en territorio galego concentráronse o 28,1% dos partes de declaración de enfermidades profesionais por silicose no Estado español, con 447 casos notificados segundo os datos recollidos no informe”. E matizaba que dentro de Galicia é Ourense a provincia cunha meirande afectación. Neste senso, a moción do partido socialista plantexa a “adopción dun plan integral que combine medidas preventivas, tratamento médico, sensibilización, apoio legal e desenvolvemento tecnolóxico, estando a Deputación de Ourense en situación de liderar o esforzo coordinado entre administracións públicas, empresas, sindicatos e organizacións sindicais”. Así o acordo da moción incluía sete propostas que, tal e como anunciaba Emilio Vidal, se podían votar individualmente.

 

 

Os puntos da moción eran os seguintes:

Primeiro: “En colaboración coas autoridades sanitarias, avanzar cara a creación dun rexistro provincial de enfermidades profesionais, que inclúa datos específicos sobre os casos de silicose, a realización de estudos epidemiolóxicos para identificar sectores de risco e zonas prioritarias, así como facilitar exames médicos gratuítos e periódicos para traballadores expostos á sílice con vistas amellorar a detección ceda do andazo e xerar datos precisos para deseñar políticas efectivas”.

Segundo: “En colaboración coas instancias acaídas, promover a adopciónde protocolos de seguridade laboral paraempresas en sectores de alto risco (minería, canteiras, construción), subvencionara adquisición de equipos de protección individual de alta calidade, incentivar a instalación de sistemas de ventilación e aspiración en espazos de traballo con po de sílice e establecer auditorías laborais regulares para verificar o cumprimento da normativa de seguridade con vistas a reducir a exposición dos traballadores e previr novos casos de silicose”

Terceiro: “Instar á Consellería de Sanidade á creación dunha unidade especializada de enfermidades pulmonares ocupacionais no Hospital Comarcal de Valdeorras, dispor de especialistas no devandito centro médico egarantir a gratuidade de tratamentos médicos, que inclúan a rehabilitación respiratoria e asistencia psicolóxica para pacientes con silicose e facilitar o acceso a axudas económicas a persoas con silicose incapacítante para brindar unha atención integral e mellorar as condicións de vida dos afectados”.

Cuarto: “Poñer en marcha campañas informativas dirixidas a empresarios, traballadores e sociedade en xeral sobre os riscos da exposición ao po de sílice, organizar obradoiros e xornadas formativas e distribuír material didáctico sobre medidas de protección e dereitos laborais”

Quinto: “Facilitar asesoramento xurídico gratuíto a traballadores afectados pola silicose para reclamar os seus dereitos, que poden incluír indemnizacións e compensacións, esixindo das empresas que contraten seguros específicos para cubrir enfermidades profesionais relacionadas coa sílice”.

Sexto: “Establecer colaboracións con universidades e centros de investigación para avanzar no coñecemento da silicose e promover solucións científicas e tecnolóxicas que minimicen o impacto da exposición á sílice”.

Sétimo: “Abrir liñas de axuda para a modernización de canteiras e obradoiros artesanais para incorporar equipos que reduzan a emisión de po, promovendo dinámicas laborais que dean prioridade ás saúde e sustentabilidade do sector para preservar a actividade económica e avanzar cara a protección dos traballadores”.

 

 

A quenda de intervencións abríaa o deputado de Democracia Ourensana, Rafael Martínez, quen confesaba que ía ser moi sinceiro na súa resposta, dirixíndose directamente aos membros de Asilival. “Este é un problema enorme e doulles toda a razón, pero esta moción non vai servir para nada, é a miña opinión. Teríades que conseguir que a Xunta vos escoitara, que a Deputación consiga que se vos dera unha cita cunha persoa que teña capacidade executiva”.

 

 

A continuación tomaba a palabra a voceira do BNG, María Mangana, que incidía en que a “silicose é unha enfermidade terrible que vivín na miña casa, eu pensaba que estaba erradicada, pero non é así, aumenta o número de casos e tamén as mortes. E o que nos afecta na nosa provincia son os casos de Valdeorras”. Nese senso, apuntaba que a “enfermidade poderíase atallar cunhas boas medidas de protección e un pouco máis de interese por parte das autoridades sanitarias, hai que adicarlle un pouco máis de tempo de recursos. É triste que estes enfermos teñan que acudir a Oviedo a que lle recoñezan a enfermidade laboral deberíamos ter no noso territorio un centro similar ao Oviedo”.

Tamén agradecía que o partido socialista permitise votar por puntos a moción, e centrábase na parte sanitaria da moción e recoñecía “as dificultades dun enfermo de silicose que ten que trasladarse do Barco a Ourense” tendo en conta a situación das comunicacións e pedíalle ao “pleno que teña en consideración as necesidade sanitarias destas persoas”. Ademais o BNG anunciaba que na votación por puntos estaba a favor do 1º, 3º, 4º e 6º, mentres no 2º e no 7º se ía abster e que ía votar en contra no quinto “porque o asesoramento xurídico e gratuíto xa está nas centrais sindicais”.

 

 

Pola súa banda, dende grupo provincial do PP, Rosendo Fernández, dicía que o “argumentario da moción está moi ben posto”, se ben matizaba que a incidencia da silicose “non é nada desdeñable na provincia de Lugo”, comentando que esta iniciativa non se presentou nese organismo provincial, pero si no de Ourense. “Este é un tema que trascende a Deputación, pero aquí estamos”.

Fernández recoñecía que “en sanidade a proximidade é importante, pero o máis importante é a accesibilidade e a calidade que se presta no servizo” e destaba que a Xunta vén de poñer en marcha dende o 22 de abril na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco unha “Unidade de Atención á Silicose e ás enfermidades pulmonares intersticiais difusas, que permitirá coordinar os recursos da rede Sergas, facilitando o acceso e axilizando o diagnóstico destas patoloxías, priorizando a realización de probas ou consultas no centro máis próximo ao paciente”. Tamén aseguraba que a Xunta traballa na “búsqueda de solucións e medidas co fin de mellorar a atención a estes pacientes e seguirá a traballar para mellorar esa atención dentro dos recursos existentes, tendo en conta as necesidades e profesionais sanitarios dispoñilbles”.

O deputado do PP adiantaba tamén que ían votar a favor de todos os puntos da moción, agás o número 3 e o número 5. E concluía detallando que dos 93 novos casos de silicose en Galicia no 2023, 49 son da provincia de Ourense, 20 de Lugo, 17 da Coruña e 20 de Pontevedra.

Na seguinte quenda de intervencións o deputado socialista Emilio Luis Vidal incidía en que o foco da silicose en Galicia “está en Valdeorras e por lóxica habería que ter alí un centro específico disto. O que vai haber alí é unha enfermeira con carácter administrativo”.

Finalmente, na votación resultaban aprobados todos os puntos da moción, agás o punto número 3 e o número 5, no que se producía un empate que se rompía co voto en contra de calidade do presidente da Deputación de Ourense.

Imaxes cedidas.

O vídeo íntegro da sesión pode verse en https://www.youtube.com/live/ZW00wJAYkVE

Representantes de Asilival no pleno da Deputación de Ourense./ Cedida.
Back to top button