ConcellosÚltima hora

A Atención Temperá e 8 concellos do sur lucense, “un servizo de calidade e que se consolida”

A comisión mixta deste servizo (que integra aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober) vén de reunirse en Quiroga

 

A  Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Quiroga (un servizo que integra aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober) reuníase o 28 de xuño en Quiroga.

Esta Comisión Mixta, formada por representantes de cada municipio deberá reunirse de forma periódica durante o ano, como se contempla no convenio asinado entre os concellos,  para dar conta da xestión do servizo e tratar outros temas de interese de forma conxunta.

Na reunión do pasado venres aprobábase a acta da última reunión (9 de outubro de 2023), o orzamento do servizo para a segunda anualidade subvencionable que remata o 31 de outubro de 2024, e a memoria do servizo relativa ao ano 2023.

A memoria recolle, entre outras cousas, información, actividades e datos estatísticos do servizo, enquisas de satisfacción dos usuarios e un estudo de parámetros de calidade. Aínda que hai marxe de melloras puntuais, os alcaldes presentes amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de calidade, de balde e próxima ás familia, que está consolidándose e funcionando moi ben.
No 2023 o SAT de Quiroga atendeu a 94 nenos e nenas dos 8 concellos, 14 máis que no ano 2022, sendo ademais o único de Galicia que non conta actualmente con lista de agarda. Todas as derivacións están sendo atendidas, en ocasións non por todos os profesionais precisos, pero si polo menos por un.

 

 

Outro dos puntos da orde do día aprobado foi, en previsión da inminente  convocatoria de subvencións para os Servizos de Atención Temperá, manter a agrupación e asinar un novo convenio para solicitar a achega económica que cubra o seguinte período subvencionable mantendo a xestión directa do servizo con persoal propio e dende o Concello de Quiroga. Este servizo de Atención
Temperá comezou a dar servizo en setembro do 2020, co nome de Servizo de Atención Temperá da comarca de Quiroga, atendendo aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos do neurodesenvolvemento -ou en risco de padecelos- e ás súas familias.

Trátase dun servizo que se xestiona de forma directa dende Quiroga, con persoal propio e que nunha primeira fase limitouse unicamente aos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Ata entón, o equipo estaba conformado por un psicólogo, unha fisioterapeuta e un logopeda.

A principios do 2021 incorpóranse á agrupación os concellos de Sober, O Saviñao e Bóveda, polo cal quedan incluídos no novo Servizo. E posteriormente nun convenio asinado o 15 de outubro dese mesmo ano, anéxanse tamén A Pobra do Brollón e Pantón. Dado o aumento da poboación diana, engádense ao equipo unha segunda psicóloga, unha segunda logopeda, e unha terapeuta ocupacional.
Dende xullo de 2023, o Director do SAT é Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais.
Fotos cedidas.

 

 

Back to top button