
O Concello do Barco vén de recoller esta mañá, de mans da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), un camión motobomba que se ubicará na sede do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras.
Na entrega do vehículo, que tiña lugar en Santiago de Compostela, estaban o concelleiro do Medio Rural, Jesús Jares, e dous membros do GES Valdeorras.
Segundo informa o Concello do Barco, trátase dunha autobomba valorada en case 270.000 euros, que dispón de cisterna con capacidade para 3.500 litros, bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión, e acarree de primeiro socorro con mangueira semirríxida e lanza de alta presión, entre outras prestacións.
A motobomba ten sido cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.