Con motivo da celebración neste 17 de marzo do Día do Cómic e do Tebeo, a Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco homenaxea cunha pequena exposición ao valdeorrés Julio Cebrián Villagómez (A Rúa, 1929-Madrid 2019), considerado un dos mellores humoristas gráficos galegos.
Á entrada da biblioteca pode verse unha escolma dos seus traballos. Deste debuxante autodidacta e que desenvolveu a súa traxectoria en Madrid dixo Mingote que “de todos os humoristas que soñamos con ser pintores, o mellor de nós foi e segue sendo Julio”. Un talento que se lle recoñecía en 1968 co Premio Agromán, o Óscar español do humor gráfico naquela época, que só lograban outros dous galegos: Alfonso Abelenda, en 1967, e Xaquín Marín, este en dúas ocasións, en 1982 e 1991.
Inicouse no mundo da viñeta na revista Don José (suplemento semanal do diario España) e, despois, colaborou en La Codorniz. Del dise que é que se cre a primera caricatura dun ministro franquista no publicada, cuxo protagonista era Manuel Fraga, daquela ministro de Información e Turismo. Esa caricatura foi portada en La Codorniz. Entre outras publicacións, tamén colaborou durante dúas décadas co diario Pueblo, así como en El Mundo e en revistas como Interviú.
As obras expostas de Julio Cebrián son só algunhas mostras dos fondos de cómic e novela gráfica desta biblioteca, con máis de 700 referencias nesta temática. Algunhas están clasificadas por idades á entrada da biblioteca, comezando polos libros destinados aos máis pequenos, logo aos mozos e, noutro estante, aos adultos.
Esta exposición de Cebrián colocábase hoxe e poderá verse na biblioteca cando menos ata finais de mes.
Fotos: A.R.