CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A campaña “Con V de Valencia”, do colexio de Viana e 2 CEIPs de Verín, reúne 6.200€ para os afectados pola DANA

Esta iniciativa solidaria está promovida polas comunidades educativas do CEIP Bibei de Viana e dos CEIPs Amaro Refojo e Princesa de España de Verín, a través da A.D. Monterrei

 

Tras a catástrofe da DANA, que asolaba a finais de outubro diversos municipios da Comunidade Valenciana, os CEIP Bibei de Viana do Bolo, xunto aos CEIPs Princesa de España e Amaro Refojo de Verín, poñían en marcha, a través da Agrupación Deportiva Monterrei, unha campaña solidaria para recadar fondos polos afectados pola traxedia.

“A catástrofe acontecida esixe do esforzo da nosa comunidade educativa, e non debemos manternos alleos ao movemento solidario xurdido no noso país. Valores como a xenerosidade, a solidariedade, a empatía, o traballo en equipo, a colaboración desinteresada… en definitiva a bondade, deben ser o día a día do Ensino Público,e nós, como profesorado, queremos dar exemplo e cremos que é o momento de traballar eses valores e cualidades”, explican os centros promotores da iniciativa.

O lema da campaña era “Con V de Valencia” e, dos 14 colexios que forman parte da agrupación deportiva, curiosamente implicábanse os dos municipios cuxo nome comeza por V: Viana e Verín. Así as comunidades educativas (alumnado profesorado e nais e pais) dos tres centros implicábanse de maneira destacada na iniciativa que se desenvolvía no caso do CEIP Bibei, co axuda do alumnado voluntario, sacando huchas móbiles á rúa e ás aldeas, para redadar fondos entre as familias, veciñanza, empresas, establecementos, institucions…”.

 

 

Nos colexios de Verín colocábase unha urna na que se podían depositar as colaboracións económicas. Ademais, abríase unha conta en Abanca para que quen quixera puidera realizar aí directamente a súa doazón.

Tras case dous meses recollendo aportacións solidarias, e cunha gran resposta e implicación, a campaña pechábase na ponte de decembro cun exitoso resultado: 6.200 euros reunidos e que serán destinados na súa totalidade á Cruz Vermella para axudar ás persoas afectadas pola DANA.

Dende as comunidades educativas dos tres colexios da campaña agradecen a gran resposta social e a colaboración. Ademais destacan fermosos e xenorosos detalles como a doazón dun matrimonio de Vilariño de Conso que doou 1.000 euros á campaña.

Fotos cedidas.

 

Back to top button