EconomíaEconomíaÚltima hora

A campaña “Mercar no teu comercio ten premio” triplica en Trives a participación do ano pasado

Esta iniciativa de dinamización do comercio local concluía esta tarde co sorteo de 1.000 euros en premios

 

A praza do Pilón de Trives convertíase na tarde deste 19 de setembro en escenario do sorteo dos premios da campaña “Mercar no teu comercio ten premio”, que remataba na vila nesta xornada. Os participantes acudían ao lugar cos tíckets das compras realizadas no comercio trivés entre o 13 e o 19 de setembro. Os afortunados debían estar presentes para recoller os premios: dúas tarxetas prepago de 300 euros e 4 de 100 euros.

Esta iniciativa de dinamización do comercio de proximidade estaba organizada pola Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación de Comercio de Ourense, de Abanca e, neste caso, do Concello de Trives.

“A valoración da campaña na vila de Trives é moi positiva, triplicou a participación do ano pasado e creouse moi bo ambiente nesta praza. Tamén é verdade que é unha época moi boa porque todas as familias están mercando ese material escolar que necesitan. Ademais esta é unha vila que tamén acaba de estar en festas e eu vin a xente que tiña moitísimos tíckets. E trátase diso, de potenciar, de dinamizar ao pequeno comercio e darlle visibilidade”, destacaba en declaracións ao Periódico O SIL a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.

 

 

De maneira similar se pronunciaba a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, quen ademais expresaba o seu agradecemento “á presidenta e ao vicepresidente da Federación de Comercio de Ourense, a todos os comerciantes de Trives, polo que se implicaron neste sorteo de hoxe, e á veciñanza, que viñeron tamén a participar, vimos a moitísimos máis veciños e veciñas que o ano pasado participando”. Así mesmo, a rexedora adiantaba que “imos seguir realizando estas accións sempre co seu apoio e animándoos a todos a que se compre no comercio local”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button