
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) inicia hoxe as obras de retirada da represa e do muro de formigón existente no lugar do Cubeiro, no río Cabe en Canaval. A actuación forma parte do Programa de conservación e restauración de leitos da demarcación hidrográfica do Miño-Sil en Galicia.
Os traballos vanse levar a cabo á altura da ponte da estrada N-120 entre os termos municipais de Sober e Pantón. Con esta actuación preténdese diminuír o risco de inundacións, recuperar a morfoloxía natural do leito e recuperar a dinámica natural do río en canto a fluxos e transporte de caudais sólidos.
Tamén ten como obxectivo recuperar o bosque autóctono de ribeira en zonas degradadas da contorna, mellorar a permeabilidade para as migracións de especies piscícolas e mellorar a adaptación e resiliencia fronte ao cambio climático do escosistema.
