OurenseÚltima hora

A cidade de Ourense acollerá a gala dos Mestre Mateo o 11 de marzo

O Centro Cultural Marcos Valcárcel alberga unha exposición conmemorativa do vixésimo aniversario da fundación da Academia Galega do Audiovisual

 

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) vén de anunciar hoxe a celebración da vindeira edición dos Mestre Mateo en Ourense, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel. No transcurso do mesmo comunicouse que a gala da XXI edición dos Premios Mestre Mateo terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense o 11 de marzo; tamén se desvelou que a primeiros de febreiro se darán a coñecer as candidaturas finalistas e que volverá celebrarse de xeito presencial a tradicional xuntanza de finalistas, unha cita para o audiovisual galego, na que académicas, académicos e profesionais candidatos se reúnen nunha celebración que é a antesala da gala de entrega de premios.

Os ourensáns Eva Fernández e Rodrigo Vázquez, presentadores do acto, chegaron en coche ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde os agardaban o presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, e o da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra. Os catro descubriron un Mestre Mateo de dous metros de altura para dar o pistoletazo de saída ás actividades que a Academia Galega do Audiovisual realizará na cidade das Burgas, que culminarán na gala de entrega de premios.

A proposta da presente edición desenvolverase fiada polo concepto Témolo ben merecido: reivindicando o orgullo polo audiovisual galego, que triunfa dentro e fóra de Galicia, e festexando o esplendor dun sector digno de ser celebrado. Baixo ese paraugas, e despois de nove anos de ausencia, os Mestre Mateo regresan a Ourense.

No acto tamén participaban as directivas da AGA Saamira Ganay e Susana Veira; o director e actor ourensán Tito Asorey; a comisaria e o fotógrafo da exposición “Un retrato ben merecido”, María Yáñez e Aigi Boga, ademais do autor do vídeo de “Témolo ben merecido”, Manuel Silva.

Na súa intervención, Manuel Baltar aplaudiu o traballo realizado nas últimas dos décadas pola Academia Galega do Audiovisual -coa que o goberno provincial mantén unha alianza de cooperación- a prol deste sector: “Comparativa e cualitativamente, os froitos acadados neste tempo son sobresaíntes. Basta ver o recoñecemento co que se observa ao audiovisual galego fora das fronteiras do país. Parabéns”.

Dentro da estratexia de cooperación coa AGA, o presidente da Deputación tamén celebrou que a gala da XXI edición dos Mestre Mateo vaia a celebrarse en Ourense, parafraseando o ‘leitmotiv’ desta edición dos Mestre Mateo -“Témolo ben merecido”-. “Sen ningunha dúbida, en Ourense temos ben merecido ser a sede desta gala, logo dunha firme aposta que seguiremos reforzando nos próximos tempos”, sinalou Manuel Baltar, apoiándose na “estratexia de captación de rodaxes, que ven de conformar un 2022 histórico con ata seis producións rodándose de xeito simultáneo en Ourense” con tres eixos importantes, como son o OUFF, a Fundación Carlos Velo e a Ourense Film Commission: “Fomos quen de dobrar esforzos nun camiño que xa non ten volta atrás. Seguiremos apoiando a un sector clave na economía galega”.

 

 

Exposición “Un retrato ben merecido”

O acto de presentación dos Mestre Mateo comezou co descubrimento dunha escultura cuberta dun gran Mestre Mateo e rematou cunha visita pola exposición “Un retrato ben merecido”, que busca reivindicar o peso específico do sector audiovisual en Galicia a través dos retratos dalgúns dos seus referentes. Esta exposición, con retratos de Aigi Boga e comisariada por María Yáñez, realízase co gallo do vixésimo aniversario da fundación da Academia Galega do Audiovisual.

A cámara de Aigi Boga retratou a profesionais da dirección, os VFX, a intérpretación, dirección de fotografía, animación ou deseño de son, ata compoñer unha serie de vinte fotografías en gran formato das e os profesionais que, ao longo de vinte anos, teñen contribuído a enriquecer a vida da Academia.

A mostra complétase coa proxección dun vídeo dirixido por Manuel Silva, con testemuñas das académicas e académicos retratados, que debuxa un percorrido por dúas décadas de historia do audiovisual, ao tempo que visibiliza o traballo das distintas familias profesionais que conforman a Academia. Tamén se exhiben os distintos trofeo cos que a Academia premia iniciativas relacionadas co sector.

Un retrato ben merecido poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 11 de decembro.

Artigos relacionados

Back to top button