CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A “Ciudad de la Selva” dende a perspectiva da arqueoloxía da guerrilla e a memoria, nun novo libro

A Casa Grande de Viloira (O Barco) acollía na tarde do 21 de setembro a presentación de "Ciudad de la Selva. Historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio" (Edicións Positivas)

 

Aparecía no chozo das Morteiras, un dos lugares da chamada Ciudad de la Selva, campamentos da guerrilla antifranquista nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras), onde o colectivo Sputnik Labrego comezaba escavar alá polo ano 2017. Aparentemente era un obxecto sen importancia. Un pequeno bote de vidro moi delgado, pero que acabaría por converterse nun dos materiais máis interesantes ao descubrir o que contiña: penicilina.

“Este antibiótico non chegaba a España ata o ano 1944. Foron dous cargamentos, un chegou a Madrid e outro á Coruña, que pensamos que foi o que chegou a Casaio. Que guerrilleiros/as dos montes de Casaio tiveran a capacidade de ter este pequeno bote de penicilina, dous anos despois da súa chegada a España é unha síntese fantástica da complexidade, da capacidade e da dimensión desta Ciudad de la Selva, non só nas construcións en termos materiais, senón na organización a na resistencia armada que pensamos que foi o suficientemente estruturada para que significase un problema para o réxime franquista, que tivo que poñer todas as súas forza para desestruturar esta cidade”, dicía o arqueólogo Carlos Tejerizo na presentación na tarde deste 21 de setembro na Casa Grande de Viloira (O Barco) do libro “Ciudad de la Selva. Historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio”, do que é coordinador xunto a Alejandro Rodríguez.

 

 

Precisamente esa perspectiva arqueolóxica para abordar dun xeito alternativo a guerrilla constitúe unha das singulares dos 7 anos de investigación que se plasman nesta obra. “O libro trata de desenvolver a capacidade dos obxectos (xunto con documentación e información oral transcrita) e niso se apoia a súa estrutura, que amosa como estes materiais poden explicar mellor os diferentes temas. E un deles é a vida cotiá, un aspecto moi difícil de ver noutra documentación. Falamos de xente que estivo nos montes de Casaio durante 5 anos e iso implicou cuestións como a apropiación da paisaxe, que era difícil, a construción de campamentos, o uso de multitude de obxectos que fixeron posible toda esa resistencia armada, vencella á Federación de Guerrillas León-Galicia, que é a estrutura guerrilleira que estivo nesta Ciudad de la Selva”, continuaba o arqueólogo.

E un claro exemplo é ese bote de penicilina que fala da vida cotiá nos campamentos, da enfermidade, “deses momentos de dificultade, desa necesidade de solidariedade, de compañeirismo e tamén de vencellarse coas comundiades locais, que foi fundamental para o desenvolvemento da guerrilla. Esas ligazóns son as que queríamos amosar nos capítulos do libro”, matizaba Tejerizo.

 

 

Outra das aportacións deste traballo é a do papel das mulleres guerrilleiras e as ligazóns de xénero. E diso dan conta tamén obxectos como un bote de crema Nievina, desenterrado tamén nun dos campamentos da Ciudad de la Selva, e levado por unha muller. “Isto fala desa parte moi invisibilizada da guerrilla que é participación da muller”.

Pero o libro vai máis alá da arqueoloxía, tamén se apoia na memoria xa que esa Ciudad de la Selva non desaparecía en 1946, senón que se mantiña viva ao longo do tempo na memoria das comunidades locais, nas familias da contorna. E, nese senso, Tejerizo aludía ao capítulo 9 do libro, escrito por Cathy Álvarez, unha das netas de Manuel Álvarez “O Bailarín”, un dos guerrilleiros máis coñecidos de Casaio.  “Ela recuperou esas ligazóns coa súa familia, co seu avó, a través do noso proxecto. Este é o tipo de consecuencias inesperadas que tivo o noso traballo e das que estamos especialmente orgullosos”.

De aí que outra das cuestións pretende reflexar o libro é “a importancia da comunidade local e a valentía que tiveron as aldeas de Casaio e de Lardeira de confrontar unha historia que é problemática, pero á vez, necesaria de coñecer, non só polas cuestións pasadas, senón polo noso presente e o futuro”. A obra aposta por un “proceso memorial que nos permita confrontar o que foi a Ciudad de la Selva no noso presente e de cara ao futuro”. Tejerizo agradecía ademais ao editor do libro, Paco Macías, a súa valentía “ao apostar por un proxecto que dende logo non era sinxelo, hai que recoñecer o seu esforzo e mestría á hora de conducir todo este volume que temos agora nas mans”.

 

 

 

 

Era precisamente Macías quen abría este acto de presentación sinalando que a “misión dun editor, como é a miña, é facilitar a quen sabe a transmisión ou publicación dun libro. Neste caso, “Ciudad de la Selva” é o terceiro libro que publica Edicións Positivas, unha editorial que vive entre o Bierzo e Santiago de Compostela, sobre o mundo da resistencia e da guerrilla. Para min supón unha satisfacción tremenda porque este libro é o froito duns 7 anos de traballo dun colectivo amplo de investigadores e doutras persoas que non teñen relación con este oficio, pero que son habitantes de zonas como Casaio”.

Así mesmo Macías destacaba que esta obra supón a culminación dalgo “do que sempre falabamos. Ninguén sabía o que era a Ciudad de la Selva, unha especie de mito, pois por fin o sabemos, o libro explícao moi ben”. Tras o editor, interviña o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco Trincado, que logo daba paso aos coordinadores da obra e ao historiador Dionisio Pereira, “quizais o primeiro historiador que fai unha reseña do libro nas súas redes sociais”, en palabras de Paco Macías.

 

 

Pereira aseguraba que “o labor de pescudar e divulgar as investigacións sobre a resistencia armanda ao franquismos en Galicia e no resto do Estado español debe ter en conta sempre que esta é unha temática moi delicada e moi sensible que transita por vidas esfareladas tras o golpe militar de 1936 e sometidas a situacións límite que deron lugar a miserias e grandezas que a nós, como historiadores non nos compete xulgar. Coñecer, sentir, transmitir, valorar, compartir si, pero non xulgar porque ninguén está lexitimado para exercer como xuíz”.

Para este historiador, dentro do estudo da guerrilla, este libro “Ciudad de la Selva” era agardado e vai na senda aberta por Ana Cabana, “coa análise da guerrilla do chan, dos enlaces, considerando a insurxencia como un complexo foco de resistencia civil, no que a muller xogou un papel relevante”. Unha investigación agora enfocada, “dun xeito analítico e creativo coa incorporación de novidosas propostas a través da materialidade arqueolóxica, a apropiación da paisaxe por parte dos combatentes e a presenza con perfil propio da muller”.

 

 

A partir da aí Dionisio Pereira poñía varias preguntas sobre a mesa. Unha delas, “¿que circunstancias explican a lonxevidade da resistencia armada antifascista neste territorio dende 1936 a 1953, que é unha das máis persistentes de Europa, conxuntamente coa guerrilla asturiana?”. A este respecto apuntaba que a obra documenta que esa supervivencia é “debedora, entre outras cousas, aos vínculos que estableceu coas distintas comunidades locais, de cuxo dominio do territorio, complicidade, saber facer e imaxinario colectivo se nutriu”. Finalmente Pereira concluía que “estamos diante dun traballo realmente esclarecedor, que ademais, ten o relevante mérito do seu alento colectivo, cimentado en torno á actual comunidade veciñal de Casaio”.

 

 

 

A presentación completábase coa intervención do historiador Alejandro Rodríguez, quen apuntaba que con este libro o equipo de investigación de Sputnik Labrego pretendía continuar “demostrando a capitalidade que Casaio, que Valdeorras e que estes montes tiveron nun fenómeno tan complexo como foi a resistencia e a guerrilla antifranquista”.

 

 

Comezaba falando do coñecemento de partida que tiñan cando chegaron buscando esta Ciudad de la Selva, que era “moi pouco profundo e con este libro e con este proxecto conseguimos afondar moito máis, entender moito mellor como se artellou esta complexa organización, como se vencellou coas comunidades locais e como dende estes montes de Casaio artellaron unha das primeiras resistencias coñecidas no contexto da segunda guerra mundial”.

 

 

Rodríguez matizaba tamén que “a única diferenza coas resistencias en Francia, en Italia, Holanda ou en Bélxica, en tantos países que manteñen unha memoria máis ou menos conflitiva en torno á importancia que a súa resistencia tivo na construción das democracias actuais e que esta resistencia de Casaio perdeu e as outras ganaron a guerra contra o fascismo”. Por iso, engadía, “vimos a seguir manifestando a relevancia de todo este territorio como capitalidade dentro de todo o Estado no movemento de resistencia contra o fascismo”.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button