Entre os puntos da orde do día que a Corporación de Viana do Bolo celebraba esta mañá figuraba a renuncia ao seu cargo como concelleira de unha das edís do grupo municipal do BNG, Emilia Somoza. Na súa intervención explicaba que deixa esta responsabilidade política “por motivos persoais”. E, máis en concreto, apuntaba que “cando empecei na política fíxeno con moita ilusión e con moitas ganas, pero creo que dez anos despois, todo iso vai en merma, entón levo pensando moito neste tempo e creo que quero dedicar o tempo que me queda a viaxar, a facer teatro, á miña familia e a desfrutar”.
Ademais, Somoza deixaba constancia dunha serie de agradecementos. “En primeiro lugar aos vianeses e vianesas que me fixeron chegar dende o principio o seu cariño e agradecemento e agora a súa comprensión. Despois ao grupo de goberno municipal, porque sempre se tratou respecto e atención , aínda que non se me fixera moito caso. Aos traballadores do Concello pola súa amabilidade e dilixencia no traballo sempre que os precisei. E, por suposto ao meu grupo do BNG, que sempre apostou por min dende que eu cheguei a Viana e aos que seguirei axudando e apoiando porque as miñas ideas están intactas”.
O alcalde de Viana, Andrés Montesino, tamén lle manifestaba o seu agradecemento e desexáballe que “todo che vaia ben”, e acto seguido era agasallada cun aplauso da Corporación. Despois, o concelleiro nacionalista Secundino Fernández, tamén agradecía a Emilia “o seu compromiso con Viana e cos vianeses, e coa organización na que milita e agradecer o seu traballo”
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila, “destacaba o comportamento exquisito e respectuoso que mantivo, no tempo que estivemos aquí”.